CONSORCIO

O Consorcio de Santiago realizará obras de mantemento na igrexa de San Caetano

14/11/2019 O Consorcio de Santiago acaba de adxudicar a obra de mantemento da igrexa de San Caetano, por un importe global de 19.758,63 euros. A empresa beneficiaria é Cíes Obra Civil, S.L. Prevese un período de execución de dous meses.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Pablo Tomé. Explica que "o problema fundamental da capela é o relativo á súa imaxe exterior. Pódese apreciar certa deterioración da pintura e da pedra nas catro fachadas, fundamentalmente nos muros que sobresaen do tellado para formar o cruceiro do corpo central do inmoble".

O arquitecto destaca a sucidade da pedra da fachada principal, en particular no campanario, "circunstancia que non tería maior importancia de non ser pola situación estratéxica que a igrexa ten á entrada a cidade na cara norte, con moita visibilidade debido á súa presenza illada".

Segundo Tomé, no interior da igrexa pódese apreciar certa humidade en parte dos muros que sosteñen a cúpula central. Esta situación débese, en boa medida, ao desprendemento dunha das baixantes do tellado deste corpo. Por outro lado, o tellado que cobre o pequeno corpo da esquina noroeste, que antigamente fora unha vivenda, está en estado regular, posto que non foi rehabilitado ao tempo que o resto.

As intervencións propostas
A Oficina Técnica do Consorcio de Santiago propón a renovación da pintura exterior das catro fachadas e do corpo central da igrexa. Ademais, realizarase unha limpeza da pedra da fachada principal co campanario e as esquinas. Por último, levarase a cabo a renovación do tellado da esquina noroeste.

Compartir: