BENESTAR SOCIAL

Santiago contará cun plan estratéxico de servizos sociais para o período 2007-2011

19/02/2007 Co fin de intentar prever os escenarios futuros e mellorar a atención á cidadanía, o Concello vai redactar o I Plan Municipal de Servizos Sociais para o período 2007-2011. Trátase dun verdadeiro plan estratéxico nesta materia, cuxa redacción será adxudicada en breve, e que suporá un investimento de 74.000 euros.

A elaboración deste Plan ten tres fases: unha primeira de estudos da análise estratéxica da área social, outra coa propia análise estratéxica e unha terceira que consistirá na redacción do plan estratéxico. Segundo indicou o voceiro municipal, Francisco Candela, "o diagnóstico estará consensuado coas entidades que prestan servizos sociais e irá da man dos usuarios destes servizos". Así, realizarase en base a enquisas a usuarios, grupos de discusión, entrevistas ao propio persoal municipal, reunións de traballo, etc.

En particular, este Plan pretende adaptarse ás novas esixencias que marcará a Lei de Dependencia, actualmente en fase de concertación coas Comunidades Autónomas.

Prevención de drogodependencias

Por outra parte, a Xunta de Goberno local aprobou a adxudicación das actividades incluídas no Programa de prevención de drogodependencias a través do adestramento en competencias sociais con adolescentes. Esta iniciativa, incluída no convenio de Prevención de Drogodependencias 2006/2007 suporá un gasto de 10.000 euros.

Compartir: