FESTAS

Arrincou o Entroido compostelán

18/02/2007 O Entroido comezou en Santiago de Compostela da man dos humoristas Mofa e Befa. O dúo galego non decepcionou e conseguiu arrincar os sorrisos das preto de 800 persoas que se achegaron ata a praza do Toural para dar a benvida a estes días de festa e diversión. Ataviados de clérigos, plasmaron a esencia do entroido e convidou a todos os composteláns a que se deixen invadir polo "monstro da esmorga" durante estas festas. O meco deste ano, que reflicte as riadas e os incendios que invadiron Galicia neste ano, xa está no Pazo de Bendaña esperando a ser queimado o mércores 21 de febreiro.

Na xornada do domingo 18, o protagonismo estivo reservado para os máis pequenos. A Sala Capitol acolleu un festival infantil no que puideron participar todos os nenos que acudiron disfrazados. Houbo baile, animacións, bolsas-cotillón e, finalmente, tivo lugar un concurso de disfraces nas seguintes categorías: mellor grupo, parella e individual. Os galardoados recibiron consolas, bicicletas, MP3 e equipos de música, entre outros premios.

A xornada do luns 19 está destinada aos adultos. Un baile de máscaras inundará a Sala Capitol da maxia deste Entroido. A cita será ás 23:00 horas e a entrada é gratuíta (previa recollida da invitación no Teatro Principal). A orquestra Salsa Rosa será a encargada de poñer a nota musical a este baile. É imprescindible ir disfrazados, feito que asegura a diversión na véspera no día grande do Entroido.

Desfile do martes de Entroido

Todos os que queiran participar no desfile do martes de Entroido, aínda poden anotarse na Concellaría de Festas. Entre todos os premios entregaranse máis de 12.000 euros. As categorías que serán premiadas son: carrozas, comparsas, grupo mellor caracterizado, parella mellor caracterizada e mellor disfraz individual.

Compartir: