TURISMO

A Radio Televisión Italiana grava un programa sobre Santiago

16/02/2007 O prestixioso espazo de viaxes "Voyager: ai confini della conoscenza" gravará durante catro días un programa sobre Santiago de Compostela e o Camiño, que será emitido na RAI 2.

Segundo informou a Santiago de Compostela Film Commission, que xestionou os permisos da rodaxe e que prestou servizos de asesoría ao equipo italiano, os produtores da RAI 2 estarán gravando en Santiago entre os días 18 e 21 de febreiro.

"Voyager: ai confini della conoscenza" é un programa histórico e cultural dirixido e conducido por Roberto Giacobbo, que analiza e profundiza sobre temas de historia e arqueoloxía arredor do mundo. Unha viaxe a través do tempo e o espazo buscando respostas a misterios históricos e curiosidades arqueolóxicas, que se transmite pola segunda canle da televisión nacional italiana, RAI 2.

O equipo estará tomando imaxes especialmente na Catedral e no Casco Histórico, tras percorrer as principias capitais do Camiño de Santiago.

Compartir: