IGUALADADE

Noa Díaz asiste á entrega dos X Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero e dos VI galardóns Ruth Matilda Anderson de fotografía, convocados pola USC

23/10/2019 A concelleira de Educación e Políticas de Igualdade, Noa Díaz, asistiu hoxe á entrega dos "X Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero", que cada ano entrega a USC. Resultaron gañadores un proxecto docente sobre a materia Estrutura Social e Estado do Benestar, e unha investigación sobre a muller na historia rural.

O proxecto da profesora da Facultade de Humanidades do campus de Lugo, Ana Cabana Iglesia, centrado na perspectiva de xénero na historia rural foi galardoado con 1.000 euros na modalidade de investigación. O proxecto de María del Carmen Sánchez Carreira recibiu idéntico galardón na categoría docente, polo seu proxecto na materia Estrutura Social e Estado do Benestar.

No acto, presidido polo reitor Antonio López, a concelleira afirmou que dende todas as administracións "debemos apoiar esta clase de recoñecementos que inciden na igualdade entre homes e mulleres". A igualdade, engadiu, "un valor transversal e incuestionable hoxe, pero que non parece ter aínda a súa translación á nosa realidade social". Sinalou Noa Díaz que "debemos seguir co noso compromiso de loita contra esas desigualdades que se perpetúan de maneira silente invisible", pero que esixen celeridade e dilixencia para, dixo, "construír unha sociedade xusta, con equilibro de homes e mulleres nos núcleos de toma de decisións que serán vitais para o noso futuro como humanidade".

Estes galardóns poñen o foco nas accións innovadoras dirixidas á inclusión da perspectiva de xénero nos eidos da docencia e da investigación. Para cada unha das modalidades outorgáronse tres premios cunha dotación económica de 1.000, 750 e 500 euros respectivamente.

Na modalidade de investigación, tamén foron premiados os proxectos de María Isabel Lirola Delgado sobre as estratexias de seguridade marítima, recoñecido co segundo premio; e o de Óscar Suárez Fernández, Isabel María García Sánchez e Jennifer Martínez Ferrero, sobre directivas femininas e xestión de impresións nos informes de sustentabilidade.

No eido docente, o segundo premio recaeu no Seminario Permanente de Comunicación e Xénero ‘ Co(m)xénero’ impulsado dende o Grupo de Estudos Audiovisuais da Facultade de Ciencias da Comunicación pola catedrática Margarita Ledo Andión e pola profesora Marta Pérez Pereiro. O terceiro premio foi outorgado ao proxecto que sobre as adiccións desenvolveron María José Méndez Lois e Alba Elena Martínez santos.

Ruth Matilda Anderson
No acto tamén se fixo entrega VI Certame de Fotografía Ruth Matilda Anderson que aspira a sacar á luz o labor que desenvolven as mulleres na sociedade e des construír, na medida do posible, os estereotipos de xénero acerca dos traballos que son propios de mulleres e de homes, así como motivar a facer unha escolla da carreira profesional dun xeito máis libre e vocacional.

A fotografía ‘Non son a túa boneca’ de María Jesús Varela Pulpeiro, persoal da Oficina de Información Universitaria no campus de Lugo, foi recoñecida co primeiro premio do certame. O segundo galardón recaeu na imaxe ‘Tocando o corno’ de Jesús M. García Devesa; e o terceiro, na fotografía ‘Imos mudar a realidade’ de Adrián Vázquez Rodríguez.

As tres mellores imaxes seleccionadas recibiron como premios, financiados polo Concello de Santiago, unha dotación económica de 1.000 euros para o primeiro, 800 para o segundo e 500, para o terceiro. Ademais, a imaxe gañadora centrará o cartel conmemorativo do Día Internacional das Mulleres en 2020.

Na entrega de galardóns tamén estaban presentes a vicerreitora de Comunicación Cultura e Servizos, Mar Lorenzo Moledo; e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López-Abella.

Compartir: