RELACIÓNS VECIÑAIS

O Consello de Relacións Veciñais perfila o Regulamento para a Casa das Asociacións

15/02/2007 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presidiu o Consello de Relacións Veciñais. No mesmo debateuse sobre a proposta de regulamento para o funcionamento da Casa das Asociacións.

O novo regulamento definirá o réxime organizativo da Casa das Asociacións, un centro adscrito á Concellaría de Relacións Veciñais e aberto á súa utilización polas diversas asociacións do municipio. Será un centro polivalente e integrador, ubicado na Avenida de Vilagarcía, na antiga estación de ferrocarril de Cornes.

Tal como se determinará no réxime de funcionamento, a Casa das Asociacións ofrecerá cobertura ao movemento asociativo como elemento canalizador da participación cidadá. Este novo punto de encontro servirá de complemento ás prestacións técnicas e económicas do Concello ao movemento asociativo, con actividades que promovan o benestar social, a animación comunitaria e a cultura.

Ademais dun director, a entidade terá un Consello de Xestión, que se encargará da coordinación e da participación asociativa. Reunirase unha sesión ordinaria trimestral, ademais de nas extraordinarias que procedan. Tamén haberá unha Asemblea de Entidades Usuarias, que cando menos se reunirá ordinariamente unha vez cada ano.

A Casa das Asociacións contará con varios espazos: a delegación da Concellería de Relacións Veciñais, unha oficina de información asociativa, despachos e dependencias para o persoal, un salón de actos e conferencias e salas de traballo, talleres e reunións. O centro albergará actividades formativas, informativas e actividades de ocio.

O tecido asociativo compostelán está integrado por máis de 400 colectivos inscritos no Rexistro municipal. Caracterízanse por mobilizar un maior número de asociados nas zonas rurais, pola achega de traballo voluntario cun peso fundamental dende as directivas, pola instalación en locais sociais, polo alto índice de autofinanciamento e pola intención de defender e de reivindicar os intereses do barrio a través da canalización das demandas, ademais da organización de actividades socioculturais, formativas e deportivas.

Compartir: