IGUALDADE

Campaña de sensibilización do Concello de Santiago contra a explotación sexual con motivo do Día europeo contra a trata

17/10/2019 A concelleira de Políticas de Igualdade, Noa Díaz, presentou a campaña de concienciación e sensibilización que desenvolverá o concello con motivo do "Día europeo contra a trata", que se celebra o venres, e que se materializará coa colocación dunha carpa informativa na Praza do Toural.

"Combatir a trata de seres humanos é unha prioridade para o goberno local", sinala a concelleira que indicou que "diante da forma máis habitual da trata, a explotación sexual, que afecta sobre todo a nenas e a mulleres" o Concello de Santiago non pode permanecer alleo.

Por iso, engade, desde Políticas de Igualdade se lanza esta campaña. Cun dos lemas "Se mercas sexo non vales nada" queremos, dixo Noa Díaz, "facer un chamamento á cidadanía para que se conciencie desta forma de escravitude que atenta contra os dereitos máis básicos das persoas". Porque, engade, "a explotación sexual é iso, explotación: explotación da liberdade, explotación da dignidade, explotación dos corpos das outras, explotación da integridade física, da seguridade…". O obxectivo desta acción é que a cidadanía de Santiago reflexione sobre unha cuestión que "nos afecta de cerca, aínda que non o vexamos, por ser unha problemática que estivo e está moi invisibilizada".

Explicou Noa Diaz, que segundo a Oficina contra a droga e o crime de Nacións Unidas, a trata afecta a máis de 24.000.000 de persoas en todo o mundo. É xunto co tráfico de drogas e de armas, o terceiro negocio máis lucrativo do planeta.

Carpa informativa
A capa informativa permanecerá na Praza do Toural desde as dez da mañá ata as oito da tarde. Teresa Furelos, responsable do servizo de Igualdade, sinalou que se convidará "a homes, mulleres, nenos e nenas a prender unha etiqueta na roupa, simulando ser un produto, que pode ser vendido por uns, e adquiridos por outros". Hai varias etiquetas con distintas mensaxes, denunciando en que consiste a trata de persoas.

Na carpa tamén se colocará material informativo sobre a trata de persoas, e informarase aos que se acheguen sobre o que se está facendo desde o Concello a través do CIM, o Centro de Información á Muller, no que se atende a familias, mulleres e nenos. Segundo as cifras ofrecidas por Teresa Furelos, o ano pasado, a través dun convenio do Concello con Cáritas-Vagalume, atendéronse 51 mulleres vítimas de explotación sexual, a maioría entre 25 e 30 anos. 35 delas, sinalou, "encamiñámolas cara o abandono da explotación sexual".

Compartir: