ACCIÓN CULTURAL

Matarile Teatro presenta no Auditorio o seu impactante dúo de artes vivas ‘Los limones, la nieve y todo lo demás’

17/10/2019 A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Ana Vallés, directora de Matarile Teatro, presentaron esta mañá na Casa do Concello de Compostela ‘Los limones, la nieve y todo lo demás’. Poderemos ver o espectáculo este sábado, 19 de outubro, ás 20.30 h no Auditorio de Galicia, dentro das actividades coas que o espazo está a celebrar o seu 30 aniversario ao longo de todo o mes de outubro. Será en concreto nunha adaptación ao escenario da sala Ángel Brage, onde se sentarán os e as espectadoras para asistir a unha función que se celebra no marco do circuíto danza a Escena do INAEM.

O día anterior, o venres 18, de 17.30 a 19.30 h celebrarase un encontro na Lasso, a cafetería do Auditorio de Galicia, cos directores artísticos de Matarile, Ana Vallés e Baltasar Patiño, para charlar arredor da traxectoria da compañía e da obra que poderemos ver ao día seguinte. Está enmarcado dentro do Club C! baixo o nome de #CONVERSANDO. Falar con Matarile mirando a un xardín.

‘Los limones, la nieve y todo lo demás’ é un dúo codirixido e coprotagonizado por Mónica García e Ana Vallés, directora da compañía galega e finalista aos Premios Max 2019 por ‘Circo de Pulgas’. As entradas para o espectáculo poden mercarse en compostelacultura.gal ou no despacho de billetes do Teatro Principal (que abre de martes a sábado de 18 a 21 h). Tamén no despacho de billetes do Auditorio de Galicia desde 1h e media antes de que comece. O prezo é de 10 euros (co desconto do 50% para os colectivos habituais).

Sinopse
A través da impactante potencia visual e emocional que caracteriza a Matarile Teatro, ‘Los limones, la nieve y todo lo demás’ reflexiona sobre a tentación de deixalo todo e largarse correndo a outro lugar. Fala do desexo persistente de atravesar a fantasía e os feitos reais dos nosos personaxes inventados. De dilatar a partida para evitar o regreso. E cóntanos como, mentres todo isto ocorre, escoitamos as palabras do tolo ou abrazamos a beleza, con mala conciencia. En definitiva, a través deste man a man feminino, Ana e Mónica convídannos a gozar con ironía deste día perfecto.

Nesta peza, a iluminación, selo de calidade da compañía, funciona como atmosfera creando o que se chamou "espazo elocuente". Ademais, o espectador atopará constantes referencias a autores como Roberto Bolaño, Josep María Esquirol, Jacques Mayol, María Muñoz, Friedrich Nietzsche, Slavoj Zizek ou Henry David Thoreau.
Ana Vallés e Mónica García coñecéronse no ano 2000 en Madrid, coincidindo ambas as no proceso de creación de ‘Fine Romance’ peza de Provisional Danza, onde Vallés realizaba a dirección de escena. Desde 2007 traballan xuntas nos espectáculos de Matarile Teatro e a idea de pór en marcha esta proposta intimista xorde durante o proceso de creación de ‘Antes de la Metralla’, onde Mónica -bailarina e coreógrafa- proponlle a Vallés, finalista aos Premios Max 2019 por ‘Circo de Pulgas’, realizar unha creación conxunta en formato dúo. Ademais tamén participou noutros espectáculos da Compañía, como ‘Circo de Pulgas’ ou ‘El cuello de la jirafa’.

En cinema, protagoniza a película de Meritxell Colell ‘Con el viento’, estreada en 2018 no Fórum da 68 edición do Festival de cinema de Berlín e participa en ‘DÚO’, a próxima película da directora.

Xira
A peza foi estreada no Festival de Verán de Oviedo en xullo de 2018, nun espazo único e non convencional, a Antiga Praza do Peixe. Ademais, ‘Los limones, la nieve y todo lo demás’ conta cunha estensa xira polo territorio nacional xa que, tras representarse en Valladolid, Cádiz, Valencia e Salamanca, chega este 19 de outubro a Santiago de Compostela para celebrar o 30º aniversario do Auditorio de Galicia e a finais de mes, o 31 de outubro, ao Teatro Rosalía de Castro na Coruña, ambas as citas enmarcadas dentro do Circuíto Danza a Escena. E finalizará o ano en Madrid, onde o 23 e 24 de novembro a compañía realizará unha retrospectiva do seu traballo dentro de Festival de Outono (Teatro da Abadía), e cunha representación en decembro en San Sebastián.

Matarile Teatro
Compañía dirixida por Ana Vallés e Baltasar Patiño, que conta cunha traxectoria de 33 anos dedicados á creación dun teatro caracterizado pola innovación enmarcado nas artes escénicas contemporáneas. Na súa creación combinan distintas linguaxes en colaboración con artistas de distintas procedencias e traxectorias artísticas, e buscando sempre a excelencia na calidade artística e técnica da súa posta en escena.

Ademais da súa creación como Compañía, Matarile Teatro promove espazos para a creación e o encontro desde 1993: Teatro Galán de Compostela; En Pé de Pedra Festival Internacional de Danza e Sala Montiel Espazo In-Permanente de Compostela

Compartir: