COMERCIO

Andrómenas faise co III Concurso Municipal de Escaparatismo

15/02/2007 Andrómenas é o comercio gañador do o III Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" , fallado o 14 de febreiro, que convoca a Concellaría de Promoción Económica e Comercio. É o segundo ano consecutivo que gaña este concurso, xa que no ano 2005 tamén quedou en primeiro lugar.

O xurado escolleu a Andrómenas pola súa traxectoria creando no seu escaparate un sinal de identidade da súa política de comunicación como espazo comercial. Para isto bota man dunha produción planificada e atenta, que ten en conta os diferentes ciclos de venda dun período anual, non só en determinadas datas especiais senón no seu conxunto. Este mesmo coidado trasládase tamén ao interior da tenda, o que a converte nun gran escaparate, por medio da estudada colocación e distribución dos seus produtos e da decoración das distintas zonas do local.

Nos seus carteis en que se deixa ver o coidado tipográfico ou o vestiario do persoal –indica o xurado- estenden esta política de imaxe e xeran un sentido de coherencia e transversalidade na comunicación. O xurado premia tamén, ademáis do coidado e da planificación, a calidade das presentacións. Andrómedas tamén foi o establecemento que tivo unha maior presenza e continuidade ao longo das catro edicións anuais do certame, xa que quedou en segunda posición na edición de outono do concurso e en primeiro lugar na edición de Nadal.

O xurado estivo presidido polo concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias e contou con representantes da Asociación de Consumidores Galegos, da Cámara de Comercio de Santiago, de Compostela Monumental, de Santiago Centro, de El Correo Gallego e da empresa Acordar comunicación en Internet.

II Gala do Comercio

O premio ao gañador do III Concurso Municipal de Escaparatismo entregaráselle na II Gala do Comercio Compostela Capital de Compras, que se celebrará o 30 de marzo no Auditorio de Galicia e será aberta ao público. Será conducida pola presentadora galega Yolanda Vázquez. Na gala tamén se entregará o premio ao establecemento gañador do Concurso de I+C (Imaxinación máis Comercio) a tenda de roupa Zürich SCQ, e homenaxearase a cinco destacados comerciantes da cidade.

A Concellaría de Promoción Económica e Comercio convocou o Concurso Municipal de Escaparatismo co obxectivo de contribuir á dinamización das actividades comerciais, e como incentivo da capacidade creativa, emprendedora e imaxinativa dos comercios composteláns.

Compartir: