DEPORTES

Nace "O Camiño Race" coa aspiración de situar Compostela como unha referencia internacional nas probas de obstáculos

09/10/2019 Santiago acollerá o sábado 19 de outubro, a partir das 16:00 horas O Camiño Race, unha proba de obstáculos (OCR) que nace coa vocación de converterse nunha referencia mundial nesta disciplina. O Concello participa na organización desta competición, que servirá tamén para impulsar a candidatura de Compostela ao Campionato do Mundo de OCR de 2021, coincidindo co Ano Santo. A inscrición segue aberta ata o 13 de outubro e xa hai case 400 participantes confirmados/as.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o director de O Camiño Race, Manuel Blanco, presentaron a proba, que se desenvolverá no entorno da Cidade da Cultura, cun circuíto que abarcará o parque do lago do Gaiás e o Bosque de Galicia. Será un percorrido de 8 quilómetros no que os/as participantes deberán sortear de 30 a 35 obstáculos.

Xa hai 377 persoas inscritas, a maioría para as quendas populares, pero haberá tamén probas para competidores/as federados/as. As modalidades serán diversas: individual, parellas, equipos, por idades... A organización agarda superar o medio milleiro de participantes.

O Camiño Race nace coa vocación de converterse na mellor OCR de Europa e de facer de Galicia unha referencia mundial nesta práctica deportiva. Ademais, é a plataforma de impulso para a candidatura de Santiago ao Campionato do Mundo de OCR para 2021. Ademais, servirá para divulgar a ruta xacobea dende unha perspectiva deportiva, fomentando deste xeito tamén o turismo deportivo, un dos obxectivos de Turismo de Santiago.

As OCR
O Camiño Race é unha proba promovida pola asociación sen ánimo de lucro OCR Allariz, organizadora do último Campionato de España de Carreiras de Obstáculos e promotora dunha das máis prestixiosas probas de obstáculos do Estado español, que leva celebrándose catro anos na vila ourensá de Allariz.
Fomentan en Galicia a práctica dunha modalidade, a carreira de obstáculos, que non é algo novo, senón que xa formou parte do adestramento militar dende principios do século XX, cando o adestrador físico francés Georges Hébert desenvolveu un sistema de adestramento denominado "método natural". Consiste en camiñar, correr, saltar, arrastrarse, escalar, balancearse, lanzar e cargar. Hébert deseñou rutas con obstáculos que chamou "parcours", deseñadas para brindar un exercicio funcional e integral. Este tipo de adestramento estenderíase a Norteamérica durante ambas guerras mundiais, onde se converteu nun elemento chave da preparación das forzas armadas.

Non foi ata o 1987 que o fenómeno do Obstacle Course Racing (OCR) saíu do ámbito militar e comezou a atraer a todo tipo de persoas na busca dun novo reto físico. Ese ano levouse a cabo en Inglaterra un evento militar chamado Tough Guy, organizado por un ex soldado británico, Billy Wilson. O concepto chegou a Estados Unidos en 2010, ano no que xurdiron dúas das compañías máis importantes do OCR: Tough Mudder e Spartan Race.

Direcciones relacionadas



Compartir: