ALCALDÍA

O alcalde destaca a importancia do Camiño na construción de Europa

03/10/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou este xoves no acto de apertura da Asemblea Plenaria do Consello de Conferencias Episcopais de Europa, que se celebra ata o 6 de outubro en Compostela baixo o lema "Europa, hora de espertar? Os signos da esperanza". Na súa intervención, o rexedor destacou a importancia do Camiño de Santiago na construción de Europa. Lembrou as visitas dos Papas Xoán Paulo II e Benedito XVI a Compostela e sinalou que espera que se repitan nun futuro na persoa do Papa Francisco.

O Consello das Conferencias Episcopais de Europa é un organismo que integra a 39 membros de distintas conferencias episcopais europeas, todos eles convidados á Asemblea. 33 membros son os presidentes das Conferencias Episcopais de Europa, e os 6 restantes son os arcebispos de Luxemburgo, Principado de Mónaco, o arcebispo Manorita de Chipre; e os bispos de Chisinau en Moldavia, da Eparquía de Mukachevo (Ucraína) e da administración apostólica de Estonia.

Todos xuntos representan á Igrexa Católica en 45 países de Europa. Entre os seus obxectivos está: a promoción e custodia "do ben" da igrexa, a cooperación e comunicación entre os bispos e as conferencias de bispos de Europa, e promover e inspirar a nova evanxelización de Europa.

No acto de apertura da asemblea tamén participaron o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio; o presidente da Conferencia Episcopal Española, Ricardo Blázquez; o prefecto da Congregación para os Bispos, Marc Ouellet; Michael F. Crotty, da Nunciatura Apostólica de España; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. O acto rematou cun intercambio de agasallos.

Compartir: