TURISMO

Dous voos diarios de Clickair conectarán Santiago con Barcelona a partir do 1 de abril

15/02/2007 A nova compañía aérea Clickair presentou en Santiago o inicio da súa actividade dende o aeroporto de Lavacolla. Dende o 1 de abril haberá dous vos diarios entre Santiago e Barcelona.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o concelleiro de Turismo, Francisco Candela, acompañaron ao director xeral de Clickair, Álex Cruz, na presentación dos novos itinerarios da compañía aérea en Santiago. Este destacou a boa acollida que tivo a nova rota dende que se comezou a vender o pasado 1 de febreiro. "Non só percibimos un forte interese pola rota Santiago-Barcelona, senón que ademais moitos pasaxeiros de Santiago están realizando reservas para voar a outros destinos dende a Cidade Condal".

Os novos voos partirán de Santiago ás 08:30 e ás 22:15 horas. As saídas dende Barcelona serán ás 06:35 e ás 20:15 horas. O prezo inicial para estas rotas é de 20 euros, taxas incluídas, para cada traxecto.

Álex Cruz anunciou que, con estes novos destinos, a compañía agarda que "os composteláns viaxen máis" e así estimular o mercado. Así mesmo, anunciou que os plans de Clickair inclúen novas rotas no futuro para Santiago, especialmente con conexións con algunha das grandes capitais europeas.

Compartir: