TURISMO

Promoción turística do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade en Reino Unido

03/10/2019 O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade arrincou a súa nova campaña de promoción internacional en Reino Unido con dúas presentacións ante axentes de viaxes, operadores turísticos e medios de comunicación de Glasgow e Manchester. Estas dúas accións, en colaboración con Madrid Destino, promocionan a oferta patrimonial, cultural e deportiva das 15 cidades españolas cuxos centros históricos foron recoñecidos pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade: Alcalá de Henares, Ávila, Baeza, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de la Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona, Toledo e Úbeda.

Nestas presentacións, o Grupo destaca a súa oferta turística e o extraordinario legado monumental que ofrecen as 15 cidades, así como os seus modernos espazos e renovadas infraestruturas que facilitan o acceso e goce dos centros históricos. Ao mesmo tempo, as cidades promocionan no mercado británico o calendario anual de eventos que os converte nunha referencia cultural, como ocorreu recentemente coa celebración da Noite do Patrimonio, que incluíu o Festival de Danza Contemporánea Escena Patrimonio, actividades para todos os públicos e apertura extraordinaria de espazos históricos, nunha celebración simultánea nas 15 cidades na que participaron miles de persoas.

Da mesma forma, as cidades patrimonio tamén son referencia polos seus eventos deportivos, e boa proba diso é o II Circuíto de Carreiras Patrimonio da Humanidade, que se celebra nas 15 cidades e que ata final de ano terá como escenarios Ávila (20 de outubro); Alcalá de Henares (27 de outubro), Toledo (10 de novembro), Tarragona (24 de novembro), Córdoba (24 de novembro) e finalmente Eivissa, o 7 de decembro, coincidindo co 20 aniversario da declaración de Eivissa como Patrimonio Mundial.

Segundo os datos da ONS (Office for National Statistics), España sitúase como primeiro destino dos británicos cando viaxan ao estranxeiro. En 2018, a cota de mercado de España no turismo emisor deste país foi do 21,8%. Seguíronlle Francia (11,9%), Italia (6%), Estados Unidos (4,8%) e Irlanda (4,5%).

Os británicos non perciben as vacacións como un luxo, senón como unha necesidade, polo que viaxan independentemente da súa situación económica, aínda que esta condiciona aspectos como o número de viaxes ao ano e a súa duración. O principal motivo polo que os británicos viaxan é o sol e praia.

En 2018, o turista británico que visitou España viaxou principalmente por lecer (92% do total) e pernoitou maioritariamente en hoteis (63%). Predominaron os turistas de clase media (60%), con estudos superiores (61%), así como os que viaxaron en parella (39%), seguidos daqueles que viaxaron en familia (32%). A súa idade media situouse en 47 anos, por encima da media de idade do total de turistas (44 anos). As principais actividades que realizaron foron o goce da praia (74%), compras (55%) e visitas a cidades (45%), destacando a viaxe sen paquete turístico (61%). Os seus destinos favoritos foron ambos os arquipélagos: Canarias (27%) e Baleares (20%).

Cabe destacar que segundo os resultados da segunda fase do Observatorio Turístico presentado recentemente, e desenvolvifo da man da firma Braintrust, líder no ámbito da consultoría turística, o gran reclamo para os turistas é coñecer o patrimonio monumental: 9 de cada 10 persoas enquisadas mencionan este aliciente como o principal motivo da súa visita ás 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España. En segundo termo aparece o interese por asistir a eventos concretos, o relax e a gastronomía. Ademais, a gran maioría, o 98% dos visitantes, declaran que volverían á cidade e o 94% planifican a súa estancia por conta propia, é dicir, sen recorrer a un grupo organizado ou operador de turismo que xestione a súa viaxe.

O calendario de promoción internacional das Cidades Patrimonio arrinca en Gran Bretaña e continúa en Estados Unidos, con paradas en Miami e en Nova York os días 29 e 30 de outubro, noutra presentación organizada en colaboración coa Oficina Española de Turismo.

Compartir: