ALCALDÍA

O alcalde demanda unha "política aeroportuaria, portuaria e industrial" para atraer investimentos

30/09/2019 O Auditorio de Galicia acolleu este luns a xornada de presentación do Manual de Captación de Inversións na Área do Eixo Atlántico. O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, participou na apertura da xornada e posteriormente nunha rolda de prensa xunto co presidente do Eixo Atlántico, Alfredo García; co secretario do organismo transfronteirizo, Xoán Vázquez Mao, e co presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, José Mª Costa.

Sánchez Bugallo defendeu que, para avanzar na captación de empresas, o primeiro é "ter unha política de algo, ter unha política aeroportuaria, portuaria e industrial". Así, apuntou que, para atraer investimentos, "fai falta posta en marcha de programas de actuación, de captación e de apoio que faciliten eses investimentos, poñer todos os activos que ten un territorio a disposición de conseguir eses obxectivos". Neste sentido, puxo como exemplo os incentivos fiscais ou a necesidade de "habilitar formación en base ás necesidades e demandas do mercado, porque senón teremos soamente especialistas frustrados por non ter saída laboral e condenados á inmigración".

"Portugal tivo esas políticas, e nós, desgraciadamente, non as tivemos". A pesar de que "en Galicia se manexaron recursos inxentes –dixo- hoxe o norte de Portugal ten o 5% de paro e nos o 12%", polo que "o resultado é moito peor, cando o tecido industrial de partida é máis potente e competitivo e con recursos superiores".

O alcalde expresou tamén a paradoxa que supón entender que "os concellos debemos ser xestores de servizos públicos, pero temos absolutamente limitada a capacidade para ser efectivos como instrumentos dinamizadores da economía do municipio". Lembrou que, no caso de Portugal, os concellos si poden intervir na adquisición de solo industrial, mentres que aquí "temos moi limitada a posibilidade de endebedarnos" e "nos atopamos con concellos cun saldo bancario que quintuplica o total da súa débeda".

Sánchez Bugallo valorou casos como os de Viana do Castelo, coa creación de solo industrial para a captación de empresas, cando "en Galicia, durante moito tempo, os parques empresariais se formularon como se foran investimentos inmobiliarios".

Infraestruturas e incentivos
A propósito deste exemplo, o rexedor de Viana do Castelo, José Mª Costa explicou o caso do seu municipio e o papel determinante que tiveron as políticas públicas municipais na captación de empresas, coa que el chamou "diplomacia económica" e coa creación de infraestruturas para a fixación de empresas e un conxunto de incentivos para a súa instalación. Expresou tamén a importancia de "seguir e acompañar ás empresas no proceso de implantación e manter con elas unha relación fluída e constante ao longo do tempo".

No caso de Viana do Castelo incidiu tamén Xoán Vázquez Mao, ademais de incidir na necesidade de "crear grandes espazos de investimento, especializados nos que cada un ten de potencialidade". Destacou tamén o carácter "real" dos incentivos portugueses e demandou "cooperación" para "por en valor a Eurorrexión, que é unha realidade no económico, cunhas políticas industrial, aeroportuaria, portuaria e de infraestruturas coordinada".

Tamén coincidiu o presidente do Eixo, Alfredo García en que unha "gran diferencia" entre as Cámaras Municipais de Portugal e os concellos de Galicia e España son as competencias. Pediu "colaboración entre Xunta e concellos para que se instalen empresas e xerar emprego" e lamentou que as "rebaixas de impostos que fixemos os concellos galegos non tivera continuidade co deseño dunha política industrial".

Manual e o exemplo de Viana do Castelo
A Xornada contou coa intervención de José Mª Costa, presidente da Cámara Municipal de Viana do Castelo, que pronunciou unha conferencia titulada "Por que Viana do Castelo xa vai polo quinto parque empresarial". Máis tarde, a continuación da rolda de prensa, realizouse a presentación da Guía para a captación de inversións na área do Eixo Atlántico, a cargo de Mª João Rauch e Mª Eugenia Juncal Fernández, autoras da mesma.

Compartir: