POLÍTICAS LINGÜÍSTICAS

O Concello pon a disposición dos colexios unha ampla lista de actividades de promoción do uso da lingua galega

25/09/2019 O Departamento de Lingua retoma neste outono a súa programación dirixida aos centros de ensino, unha vez iniciado o novo curso 2019-2020. Continúan propostas de éxito como Enreguéifate, O Conto Viaxeiro, Club de Debate ou Youtubeir@s. Ademais, cada mes, o programa Apego seguirá ofrecendo un amplo calendario de actividades para as familias.

A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, deu conta hoxe de todas estas actividades, entre as que figura a gala de entrega de premia do Enreguéifate 2019, que se celebrará o venres 11 de outubro, ás 20:00 horas, no Teatro Principal. García MC porá a música a un acto aberto e de balde, se ben é preciso reservar praza ata o 2 de outubro a través da dirección de correo electrónico info@enregueifate.gal, indicando o contacto do profesor/a e o número de asistentes. As prazas asignaranse por orde de chegada das solicitudes e confirmaranse tamén por mensaxe de correo.

Mentres chega a gala, todas as regueifas, tanto as gañadoras en cada categoría como todas as presentadas, poden verse e escoitarse a través da web do programa: www.enregueifate.gal. Ademais, para o segundo trimestre do curso está previsto realizar outra quenda de obradoiros de formación e abrir a nova convocatoria do certame.

Obradoiros de portugués
Tamén para todos os centros escolares, o Departamento de Lingua ten aberto ata o 5 de outubro o prazo de inscrición para 20 obradoiros de portugués, impartidos en colaboración coa Associaçom Galega da Língua (AGAL). A finalidade destes cursos é mostrar a alumnos e alumnas do noso sistema educativo que o galego é unha entrada privilexiada para acceder ao mundo en portugués e a nosa vantaxe competitiva no marco español e europeo.

Haberá tres tipos de obradoiros: para alumnado a partir dos 12 anos, para alumnado de 3º ciclo de Primaria e para escolares que xa teñen realizado obradoiros de portugués. Cada curso terá unha duración de 100 minutos, divididos en dúas clases de 50 minutos seguidas. Celebraranse entre o 20 de outubro e o 13 de decembro.

O Conto Viaxeiro
Entre as actividades dirixidas a alumnado de Primaria, unha das que terá continuidade é O Conto Viaxeiro. Nas próximas semanas estará xa dispoñible no blog do programa (contoviaxeiro.santiagodecompostela.gal) o conto que elaboraron os nenos e nenas que participaron nesta actividade o curso pasado. Tamén haberá unha versión en vídeo e materiais didácticos complementarios. Os centros participantes recibirán os exemplares en papel para que os poidan distribuír entre o alumnado inscrito.

Este curso, nenos e nenas de 4º de Primaria elaborarán un novo Conto Viaxeiro, cuxa convocatoria se abrirá no segundo trimestre.

Apego
No marco do programa Apego continuaranse organizando actividades dirixidas ás familias das cativas e cativos entre 0 e 6 anos. O calendario mensual está dispoñible na web apego.santiagodecompostela.gal.

Tamén seguen incorporándose diferentes materiais para uso e descarga libre que poden ser de interese para as aulas de infantil: calendario, tarxetas de rutinas, folla de menú, o tempo cronolóxico, audiovisuais, bits... Pódense ver todos os contidos en apego.gal.

Club de Debate
En canto ás propostas para o ensino secundario (ESO, Bacharelato...), ábrese o prazo para anotar equipos no Club de Debate 2019-2020. Cada equipo deberá incluír un mínimo de catro persoas e un máximo de dez (é imprescindible que sexan mixtos) e ter un profesor ou profesora responsable. Ofreceráselles apoio de formadores/as externos/as se así o requiren.

A inscrición, aberta ata o 15 de novembro, pode formalizarse enviando cuberta a folla de inscrición ao enderezo dlg@santiagodecompostela.gal.

Youtubeir@s
Ademais, está aberta a inscrición na actividade "Lista de reprodución ao vivo", unha ocasión para interactuar en directo c@s youtubeir@s máis populares e coñecer de primeira man a súa experiencia. Será o 3 de outubro no edificio do Centro de Estudos Avanzados (CEA) da USC, en Vista Alegre.

O evento consistirá nun encontro directo entre youtubeir@s e seguidor@s e emula, en certo xeito, as bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as "espectadores/as". Así, cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá realizar preguntas e interactuar cos "vídeos vivos". Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, a segunda fase abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias.

As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal. O prazo remata o 30 de setembro. A información pode consultarse na web do programa: www.youtubeiras.gal.

Por outra parte, ata este venres 27 de setembro está aberto o prazo para participar nos Premios Youtubeir@s con vídeos ou canles en cada unha das categorías, tamén na #proposta youtubeira. A gala de entrega dos Premios Youtubeir@s 2019 será o 29 de novembro no Teatro Principal.

No segundo trimestre do curso abrirase a nova convocatoria dos premios e oferta formativa para os centros de ensino.

Sen Cancelas
Este outono tamén se retomará a convocatoria do programa Sen Cancelas, realizado xunto co Departamento de Xuventude, que ten como finalidade ofrecer un espazo amigable para desenvolver a creatividade de mozos e mozas e no que atopar tamén un contexto favorable ao uso do galego. A información do programa estará en breve na web www.sencancelas.gal.

Atopando Compostela
Finalmente, continúa dispoñible na rede (atopando.santiagodecompostela.gal) o xogo dixital Atopando Compostela, un recurso educativo e para o lecer que nos achega coñecementos sobre a toponimia en seral e o noso concello en particular.

Compartir: