CULTURA

Chega ao Principal a premiada "Final de película", de Áncora Producións

14/02/2007 O xoves 15 e o venres 16, ás 21:00 horas pode ser unha das últimas oportunidades de presenciar "Final de película", de Ancora Producións. Galardoada en 2005 nos Premios Rafael Dieste e nominada neste 2007 aos Premios Max, chega a Compostela unha obra "cómica e dramática, seria e divertida, e comprometida coa sociedade actual", en palabras do seu director Gustavo Pernas.

"Final de película" aspira a converter o Teatro Principal nun pequeno minicine, no que o espectador observe e á vez se sinta observado. E todo grazas a unha obra na que se abordan temas como "a desvertebración da familia, a falsa solidariedade ou o machismo disimulado" en torno ao fenómeno da inmigración.

Na obra, catro espectadores solitarios de madrugada nun minicine ven como se interrompe a proxección. Entón, debatendo arredor da película, os protagonistas da peza deixarán ao descuberto o seu carácter, ideoloxía e comportamento, que desencadean pequenos conflitos entre eles.

O concelleiro de Cultura, Néstor Rego, presentou esta obra teatral. Na rolda tamén estivo o director e autor, Gustavo Pernas; a produtora, Ánxela G. Ávalo e os actores Vicente de Souza, Fernando Morán e Estíbaliz Veiga.

Compartir: