ALCALDÍA

O alcalde inaugura o XXI Congreso Internacional Galicia-Norte de Portugal de Formación para o Traballo

19/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou o XXI Congreso Internacional Galicia-Norte de Portugal de Formación para o Traballo, que se celebra entre este xoves e o sábado no Auditorio Abanca.

Na súa intervención, o rexedor sinalou que vivimos nunha sociedade cada vez máis envellecida, "unha problemática á que somos sensibles e pola que estamos preocupados. Neste momento aproximadamente o 60% da poboación galega ten máis de 45 anos", engadiu.

O alcalde explicou que, a partir da crise, moitas empresas tomaron a decisión de xubilar os/as empregados/as de máis idade e contratar persoal máis novo, o que agravou a situación da poboación produtiva maior.

Dende o Concello desenvólvense distintos programas destinados, precisamente, aos colectivos máis castigados pola crise. Citou, en concreto, o CREAS, de formación ocupacional, un obradoiro de repoboación forestal e albanelería, que acaba de finalizar, en colaboración coa Xunta e Galicia; ou o programa integrado de emprego Santiago E-Com, no que participa un centenar de mulleres.

Para o rexedor, cómpre prolongar a vida activa, priorizando a actividade produtiva. Alerta Sánchez Bugallo que, neste momento, non hai programas en materia de emprendemento para maiores, necesarios para que "eses cidadáns de máis de 45 anos tomen a iniciativa".

Na apertura do evento tamén interviñeron Margarita Valcarce Fernández, presidenta deste Congreso; Joaquín Coimbra, vicepresidente do Comité Científico; Covadonga Toca Carús, secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia; Antonio Leite, delegado rexional do Norte do Instituto do Emprego e Formaçao Profissional; e Antonio López Díaz, Reitor da USC.

Direcciones relacionadas



Compartir: