ACCIÓN CULTURAL

Visitas guiadas, conferencias e danza na segunda edición da Semana do Patrimonio Invisible

11/09/2019 A Semana do Patrimonio Invisible celebra a súa segunda edición do 18 ao 22 de setembro, ofrecendo 26 visitas a espazos que habitualmente están pechados ao público, e acollendo tamén A Noite do Patrimonio, do Grupo Cidades Patrimonio de España. Todas as actividades son de balde, sen ben para as visitas guiadas é preciso inscribirse, xa que serán en quendas pechadas de 15 persoas cada unha.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a segunda edición desta Semana do Patrimonio Invisible, acompañada de César Abella, de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, entidade que traballou na organización do evento. Trátase dun ciclo programado polo Concello, coa colaboración da Deputación da Coruña, que abre as portas de tesouros da cidade, habitualmente pechadas, e deseña visitas guiadas de pequenos grupos para que os seus usuarios e usuarias garden na memoria unha experiencia cultural única.

Compostela garda nas súas rúas, prazas e edificios un legado histórico e artístico do que poucas cidades do mundo poden presumir. Porén, non toda esta herdanza monumental de séculos pode ser visitada durante o ano. Isto é o que propón a Semana do Patrimonio Invisible: por unha vez ao ano abrir esas portas a cidadanía e visitantes.

O calendario de visitas inclúe nove espazos, algúns repetidos como o Pazo de Ramirás-Colexio dos Irlandeses ou o Hostal dos Reis Católicos, que tiveron moita demanda o ano pasado. A estes súmanse o Hospital de San Roque, a Casa Gótica, o Pazo de Amarante, a Capela das Ánimas, o Hotel Compostela e a Casa de Europa, así como o Mosteiro de San Martiño Pinario. O total de visitas para esta edición ampliouse tamén a 26 percorridos guiados, que poderán realizarse en quendas de ata 15 persoas, para coidar unha experiencia diferente e manter tanto a calidade narrativa do discurso coma a protección dos bens que se visitan.

Para que a meirande parte dos interesados poidan acudir a estas visitas, a organización regulamentou o proceso de reserva, de xeito que os usuarios deben de enviar un correo electrónico ao enderezo spicompostela@gmail.com, reservando para un máximo de tres visitas e dúas persoas por visita.

A Noite do Patrimonio
Ademais, o sábado día 21, e co gallo da celebración de A Noite do Patrimonio, do Grupo Cidades Patrimonio de España, realizarase a partires das 19:00 horas unha nova sesión de "Conversas no Claustro", na que Mercedes Rosón, concelleira da Área de Acción Cultural; Ángel Rosado, xerente do Grupo Cidades Patrimonio de España; Belén Hernández, xerente do Consorcio de Santiago de Compostela, e David Barreiro, investigador do INCIPIT- CSIC, debaterán sobre os retos na xestión das cidades Patrimonio Mundial. Ao rematar, ás 20:00 e 20:45 horas, realizarase unha visita especial ao Mosteiro de San Martiño Pinario, no que se poderán ver zonas como as cuadras, o patio da cociña ou as hortas.

Ese mesmo día, ás 22:00 horas, na praza da Quintana, a prestixiosa bailarina e coreógrafa lisboeta Cláudia Dias e o artista convidado Pablo Fidalgo ofrecen Segunda-feira: atenção à direita, un espectáculo de danza contemporánea que se presenta como unha chiscadela a Portugal. Todas as actividades son de balde.

Documentos relacionados



Compartir: