DEPORTE

Área Central acolle este sábado a terceira edición do Torneo de Xadrez "Cidade de Santiago"

11/09/2019 A concelleira Noa Diaz presentou o III Torneo de Xadrez "Cidade de Santiago", que se celebrará este sábado, 14 de setembro, no Centro Comercial Área Central. A inscrición está aberta ata este xoves, 12 de setembro, a través da dirección de correo electrónico torneosexc@gmail.com. Xa hai máis de 140 participantes confirmados/as e a organización agarda alcanzar preto de 200 xadrecistas.

O torneo está organizado pola Escola de Xadrez Compostela, entidade da que a concelleira destacou o traballo que vén realizando dende 2016 na difusión deste deporte "tan apaixonante e que tantos beneficios aporta: mellora a concentración, desenvolve a memoria, fomenta a creatividade, e axuda na toma de decisións e no control emocional".

Acompañaron a Noa Díaz na rolda de prensa Sara Castedo, adxunta á Xerencia de Área Central, e Nicolás Cereijo, socio fundador da Escola de Xadrez Compostela, quen se encargou dar os detalles do torneo, clasificatorio para o XIV Circuíto de Promoción Fegaxa 2019.

Constará de sete rondas para a categoría absoluta, a un ritmo de 15 minutos por xogador, máis tres segundos de bonificación por xogada. Disputarase en xornada de mañá e tarde e será válido para as puntuacións ELO FIDE, da Federación Internacional de Xadrez. Estas puntuacións son as que establecen o ranquing dun xogador a nivel mundial.

Os máis pequenos tamén teñen o seu torneo que se divide en categorías, segundo a idade: sub-8, sub-10, sub-12 e sub-14. Esta última categoría está incluída no Circuíto Galego de Promoción, no que se disputan 16 probas en diferentes localidades de Galicia.

Direcciones relacionadas



Compartir: