XUNTA DE GOBERNO

A rúa de Clara Campoamor terá un carril reservado para autobuses e taxis

09/09/2019 A Xunta de Goberno Local aprobou este luns o proxecto modificado de reurbanización de Clara Campoamor. A intervención permitirá adaptar este vieiro para facilitar o acceso á terminal de autobuses integrada na futura estación intermodal. Afectará a un tramo cunha lonxitude de 800 metros e parte dos terreos adxacentes, cunha superficie total aproximada de 19.000 metros cadrados. O orzamento máximo desta obra é de 1.563.864,94 euros (IVE incluído) e o prazo de execución de cinco meses.

Tal como explicou o alcalde, a modificación do proxecto inicial, formulada polo actual Goberno municipal, ten por obxecto a introdución dun carril especializado destinado a buses e taxis. "Os autobuses entrarán pola avenida de Lugo, baixará polo carril exclusivo e sairán por ese mesmo carril, pero en dirección á glorieta de Pontepedriña", indicou. Outro dos cambios é que o carril bici pasará a estar do lado das Brañas de Sar, "impedindo dese xeito que se crucen co tráfico viario".

Sánchez Bugallo apuntou tamén que se vai aproveitar esta intervención para tomar as medidas que permitan derivar moito do tráfico que agora pasa por Pontepedriña pola avenida de Santiago de Cuba e o túnel do Hórreo. Neste sentido, apuntou que favorecen a ese cometido as medidas xa tomadas por Fomento para acceder ao túnel dende Conxo e dende a avenida de Lugo.

Estes carrís estarán flanqueados a ambos lados por beirarrúas, que serán algo máis estreitas do lado paralelo ao carril bus e máis amplas no lado pegado ás Brañas de Sar. A circulación nos tres carrís para automóbiles estará limitada a 30 Km/h, algo que facilitará o "calmado" do tráfico, necesario para a transición destes carrís de Clara Campoamor coa praza e zona de preferencia peonil que servirá para conectar o Ensanche co barrio de Pontepedriña.

O rexedor indicou que agora se comunicarán estes cambios aos responsables da EDUSI, programa con financiamento europeo no que está incluída esta intervención, e se encargará a redacción dos pregos de licitación. Fixou a primeira quincena de decembro como data para convocar o concurso e o mes de xaneiro para o inicio das obras, coa meta de telas rematadas o 1 de agosto de 2020.

Acompañaron ao alcalde na rolda de prensa os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón, e de Obras, Javier Fernández, e o técnico municipal Antonio Ranedo.

Integración dos Camiños
Tamén en materia de infraestruturas viarias, a Xunta de Goberno acordou poñer a disposición da Axencia Galega de Infraestruturas o viario e os espazos municipais afectados pola realización das obras de integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago que esta vai executar. Trátase de tres intervencións para mellorar as entradas da ruta xacobea na cidade, dúas no Camiño Francés e unha no Camiño Portugués.

Alumeado de Nadal
Outro dos acordos da Xunta de Goberno foi a apertura do procedemento para contratar o alumeado de Nadal 2019, cun tipo de licitación de 217.800 euros (IVE incluído).

Documentos relacionados



Compartir: