TRAPSA

Mañá entréganse os premios do Primeiro Concurso de Relatos Curtos

10/05/2005 Os traballos galardoados recolleranse nun libro que se entregará gratuitamente no transporte público o Día das Letras Galegas.

O mércores 11 ás 12.00 horas na cafetería do Hostal dos Reis Católico, entregaranse os premios do Primeiro Concurso de Relatos Curtos, nun acto ao que asistirá o concelleiro de Transportes, representantes de Tussa e de Trapsa e os tamén membros do xurado, os profesores Bieito Iglesias e Dolores Vilavedra.

Unha narración sobre o subconsciente foi o traballo gañador do primeiro concurso de relatos curtos organizado polo Concello de Santiago en colaboración con Trapsa, a empresa concesionaria do transporte urbano.

A esta edición presentáronse preto de sesenta traballos, a maioría deles de boa calidade segundo puxeron de manifesto os membros do xurado. O gañador foi Adrián González Sieira, un mozo de dezaseis anos, veciño de Compostela, que presentou o seu orixinal co título "Crónica dunha infancia esquecida". O segundo premio recaeu no conto titulado "Un micromundo", de Sabela Aldrey Dono e o terceiro premio foi para Francisco Javier Rego Mosquera que presentou un texto co nome de "Apocalipse".

O xurado estivo formado por representantes de Tussa, Trapsa, o concelleiro de Transportes, Xaquín Fernández Leiceaga e os profesores Bieito Iglesias e Dolores Vilavedra. Todos eles tamén se felicitaron pola boa acollida dispensada á convocatoria.

O gañador recibirá un ordenador persoal, mentres que o segundo será obsequiado cunha cámara dixital e o terceiro poderá viaxar gratis no transporte urbano durante tres meses.

Ademais, os tres contos recompilaranse nunha publicación que se distribuirá no transporte público de Santiago coincidindo coa celebración do "Día das Letras Galegas". Preparase unha edición de oito mil libros que se repartirán de balde nesa data.

Compartir: