ALCALDÍA

O alcalde agarda que en setembro de 2020 estean operativas a estación de buses, a pasarela e os accesos á intermodal

02/09/2019 O alcalde de Santiago expresou a súa "satisfacción" pola marcha das obras da estación de autobuses, durante a visita que realizou aos traballos neste equipamento coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Xosé Sánchez Bugallo fixou como obxectivo que tanto as obras da estación de autobuses, como as da pasarela de conexión coa estación ferroviaria e os accesos dende a avenida de Clara Campoamor estean rematadas o 1 de agosto de 2020 e operativas en setembro dese ano.

O rexedor constatou que as obras da estación de autobuses van "realmente adiantadas" e expresou tamén a súa satisfacción polo inicio das obras da pasarela. A este respecto, lembrou, "recentemente aprobamos os orzamentos de 2019 e así poderemos cumprir cos compromisos e obrigas financeiras que tiñamos con Adif e coa Xunta para esta pasarela".

En relación á estación de autobuses, a conselleira explicou que as obras están ao 40% de execución, coas obras de cimentación e movemento de terras rematadas. Agora, dixo, levantarase a base das 36 dársenas da terminal e a estrutura dos dous andares da futura estación. O obxectivo da Consellería é ter a obra rematada nos primeiros meses de 2020.

En canto á pasarela, subliñou que xa comezaron os traballos previos e que a mediados de setembro xa se comezarán a ver as actuacións sobre a vía do tren. Estes traballos realizaranse en horarios que permitan a súa compatibilidade co tráfico ferroviario.

Sobre os accesos dende a avenida de Clara Campoamor, Sánchez Bugallo indicou que "esta semana se recibiron dixitalmente as modificacións no proxecto de remodelación dos accesos. Agora, estudarano os técnicos municipais, que tamén se reunirán con técnicos da Consellería, para que "así as tres actuacións estean perfectamente coordinadas".

"É probable que o luns que vén se aprobe o proxecto e o inicio do procedemento de contratación", apuntou, co obxectivo de que "o ano que vén, por estas mesmas datas, as tres infraestruturas (estación de buses, pasarela e accesos) estean plenamente operativas". Neste sentido, fixou como obxectivo para o remate das obras dos accesos o 1 de agosto, tendo en conta tamén para os prazos que esta é unha obra financiada con fondos europeos.

Preguntado pola estación de tren, o alcalde expresou a súa "sólida confianza" en que "a finais de ano teremos o proxecto". En calquera caso, reiterou como obxectivo prioritario "levantar a cláusula dos 3,5 millóns millóns de pasaxeiros para poder contratar as obras". "Agardamos dar noticias sobre esta cuestión durante este mes", engadiu.

Compartir: