UMAD

Un DVD recolle o traballo do programa de prevención "Kamelamos guinar"

12/02/2007 A Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD) acolleu a presentación dun DVD que reflicte o traballo que se realiza no programa de prevención "Kamelamos Guinar" (Queremos contar, en caló).

Dende setembro de 1999, a UMAD está a levar a cabo un programa de prevención de drogas, VIH/SIDA e ETS específico para minorías étnicas. A iniciativa está subvencionada dende o seu inicio polo Plan de VIH/SIDA da Consellería de Sanidade, a UMAD e a Concellaría de Servizos Sociais do Concello de Santiago. Dende o 28 de decembro de 2002 outórgase a adxudicación do programa á Fundación Secretariado Xitano.

Paralelamente ao desenvolvemento deste programa específico, dende o ano 2000 existiu un traballo con todos os colectivos de Fontiñas dende o departamento de Servizos Sociais e UMAD en base a unha mellor coordinación e aproveitamento dos recursos sociais do barrio. Estas reunións tiñan unha periodicidade aproximada dunha vez por mes, e xeralmente pola tarde, por ser un horario máis axeitado para estes colectivos.

As reunións teñen como obxectivo a coordinación e recollida de información sobre as preocupacións dos veciños e outros profesionais de Fontiñas arredor de casos concretos, así como, na medida do posible, trazar algunhas estratexias. Tamén dende o 2000 existiron por parte da UMAD outras reunións no CEIP das Fontiñas, o IES "Antón Fraguas", o "Centro Abeiro" de Cáritas, a Parroquia , etc.

Prevención

O programa Kamelamos Guinar ten entre os seus obxectivos previr condutas de risco en mozos e adolescentes xitanos, e traballar en prevención, dotándoos de alternativas de ocio e tempo libre. Tamén se detectan precozmente as problemáticas de absentismo escolar, inicios nos consumos dos mozos e outras problemáticas das familias en relación ao abuso de drogas.

Toda esta información preventiva xira entorno a talleres de actividades lúdicas e formativas, con talleres de teatro, música e baile flamenco, (guitarra e percusión), bebidas saudables, talleres específicos para as mulleres xitanas e outros obradoiros de formación.

Estas actividades desenvólvense en horario de tarde como unha alternativa máis no barrio e aínda que, fundamentalmente contemplan a especificidade da cultura xitana, estan abertas a outros mozos que queiran participar. Dende o ano 2000 atendéronse aproximadamente unha media de 60/70 rapaces/as.

No DVD plasmouse a perspectiva de traballo na rede comunitaria con todos os colectivos do barrio de Fontiñas, coas reunións que se veñen realizando desde hai anos, e que fan que este programa estea integrado na realidade social do barrio e que a comunidade xitana colabore activamente na rede social.

No acto de presentación interviron a directora da UMAD, Pilar Bermejo, e o director territorial da Fundación Secretariado Xitano, Santiago G. Avión. Clausurou o acto o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo.

Compartir: