PARQUES E XARDÍNS

Continúan as actividades de verán do Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela

14/08/2019 O Centro de Interpretación dos Parques e Xardíns de Compostela (CIPX) está realizando durante este verán unha serie de actividades dirixidas a todo tipo de público e idades, de luns a venres a partir das 11:00 horas. Aínda hai prazas para algún dos obradoiros, nos que os/as interesados/as se poden anotar enviando un correo electrónico á dirección mlois@ferrovial.com ou chamando ao teléfono 600 927 589.

A programación, que finalizará o 6 de setembro, inclúe diferentes actividades e obradoiros: expedición botánica por Belvís, obradoiro "Hotel de insectos", obradoiro "Bombas de sementes" e a exposición "Co cambio climático. O noso mundo, o noso futuro, a nosa opción", aberta do 10 de xullo ao 31 de agosto.

Expedición botánica por Belvís
Os luns, mércores e venres realízase unha expedición botánica por Belvís, na que os/as participantes fan un percorrido no que van descubrindo cousas sobre a flora, a fauna e o patrimonio do parque. Os/as inscritos/as poden facer as súas propias investigacións empregando aplicacións para teléfono móbil de identificación de especies.

Os principais obxectivos desta actividade son: coñecer a tipoloxía das plantas (aromáticas, gateadoras, arbustivas,...) e os seus usos ao longo da historia (medicinais, téxtiles, curtidos,...); diferenciar entre a natureza urbana espontánea e a xardinería; e identificar especies vexetais usando aplicacións para dispositivos móbiles (ArbolApp e PlantNet)

Hotel para insectos
Os martes é o día de facer hoteis de insectos grazas a un interesante obradoiro no que se crean hábitats indicados para diferentes tipos de artrópodos. Insectos como as abellas, as avespas ou as moscas son imprescindibles nas zonas verdes, pois encárganse da polinización de moitas flores, o que permite que produzan sementes e froitos. Tamén exercen un control sobre determinadas pragas, coma no caso das xoaniñas (coleópteros) ou das cadelas de frade (dermápteros), empregados en agricultura.

Neste obradoiro constrúese un hotel para insectos como refuxio da fauna presente nos espazos de natureza espontánea. Nunha estrutura de madeira creada a tal efecto, vanse colocando os diferentes materiais para crear diversos hábitats segundo os tipos de artrópodos, tendo en conta as preferencias dos animais. Así, ás abellas carpinteiras gústanlles os buratos na madeira; as arañas poden facer os seus niños nos buratos das cañas de bambú; as bolboretas soen aniñar entre as follas secas para facer a súa metamorfose; os ocos entre os paus de madeira serven de refuxio ás termes e a outros insectos xilófagos; e nos anacos de ladrillos poden vivir as cadelas de frade, as xoaniñas e moitos tipos de escaravellos

Bomba de sementes
Os xoves é a quenda da fabricación das bombas de sementes. Tras a recolección das sementes nas plantas da contorna do CIPX, incorpóranse a bolas de arxila e terra que servirán para lanzar nas zonas que se queiran repoboar. A das bombas de sementes ou nendo dango é unha técnica de reforestación a partir de sementes recubertas con barro e arxila. Estas bombas verdes serven como elemento de xénese dos terreos naturais urbanos.

O termo nengo dango, que en xaponés quere dicir "bólas de arxila", naceu da man dun dos maiores referentes en permacultura a nivel mundial, o nipón Masanobu Fukuoka, considerado o pai da agricultura natural. Fukuoka empezou a cubrir sementes con barro, para facilitar despois que estas xerminasen en maior número á espera das choivas. En inglés chamóuselles seed bombs, xa que eran empregadas pola xardinería de guerrilla (green guerrilla). O seu obxectivo é ser lanzadas en lugares de difícil acceso ou nos que non se pode realizar unha sementa en toda regra.

Exposición sobre o cambio climático
Ademais, ata o final de agosto estará no CIPX unha interesante exposición sobre o cambio climático na que se explican as razóns do quentamento do Planeta, as consecuencias tanto a nivel global como en Galicia en particular, e se propón unha reflexión sobre novos comportamentos comprometidos e accións que loiten contra o cambio climático e fomenten un desenvolvemento máis equilibrado, social e ambientalmente.

Direcciones relacionadas



Compartir: