CULTURA

Catro mil rapaces asistirán aos concertos didácticos de Ultreia

12/02/2007 Dentro do ciclo Concertos Didácticos, o Auditorio de Galicia ofrecerá o martes, día 13 e mércores, 14, en sesión dobre, ás 10:00 e ás 12:00 horas, a actuación do Obradoiro de cultura tradicional Ultreia.

O grupo compostelán Ultreia desenvolve ao longo do ano un forte labor de investigación e recuperación das nosas tradicións, ocupándose sobre todo daquelas nas que a música, e unha das súas fundamentais consecuencias, o baile, xogan un papel esencial.

Con este programa pretende achegar a xente miúda a enorme riqueza musical da nosa cultura por medio dun percorrido exhaustivo por aqueles instrumentos que se empregan na música tradicional. Procuran sempre non sacar os instrumentos e as manifestacións do seu contexto orixinal para que se poida comprender con facilidade cal é, ou cal foi, o papel que cada manifestación ou instrumento desenvolvía.

Neste concerto poderanse escoitar instrumentos tan coñecidos e comúns como a gaita de fol, o bombo, o tambor, o clarinete, o acordeón, a pandeireta ou o pandeiro. Tamén estarán outros que tiveron moita sona entre a xente e que por diversas razóns quedaron reducidos en pequenas zonas e pobremente coñecidos como as follas, as trompas, as requintas, o rabel, os sachos, as ligoñas, as pipas de alcacén e castiñeiro, os bombos de mallada, os pínfanos, etc.

Ás sesións deste espectáculo asistirán catro mil rapaces, de 6 a 18 anos de idade, do centros de ensino de Santiago, Ames, Rianxo, Boiro, Cabana de Bergantiños, A Estrada, Padrón, Camariñas, Porto do Son, Teo, Oroso, Alfoz, Ordes, Tordoia, Frades, Ribeira, Noia, Negreira, A Pobra do Caramiñal, O Pino, Narón, Brión, Muros, Valga, Guitiriz, Caldas de Reis, Marín, Zas, Sanxenxo, Vimianzo, Outes, Pontevedra, Cee, Carballiño, As Pontes, O Barco de Valdeorras, Pontedeume, Cambados, Ourense, Castro de Rei e A Fonsagrada.

Compartir: