TURISMO

Santiago reforzará a súa promoción turística en 2007

12/02/2007 Santiago de Compostela reforzará a súa promoción turística no 2007 grazas a varios convenios asinados con Turespaña polos grupos de traballo aos que pertence: o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas e o Spain Convention Bureau.

Os acordos que benefician a difusión da imaxe turística da capital galega foron asinados polo Concello de Santiago durante a celebración da pasada edición de Fitur en Madrid, e terán vixencia durante todo o ano 2007.

O primeiro convenio foi asinado por Turespaña e a Federación Española de Municipios y Provincias, Sección Española de Cidades de Congresos, para apoiar as accións promocionais das cidades membro do Spain Convention Bureau.

De acordo con Francisco Candela, presidente do Spain Convention Bureau, o obxecto deste acordo é impulsar o turismo de reunións a través da realización dun "Informe de medición do turismo de reunións en España" e un estudo do mercado, da edición de material promocional, da mellora da páxina web do grupo de seminarios de formación e accións de comunicación e promoción.

Neste último apartado figura unha ambiciosa campaña de publicidade nos mercados prioritarios para o turismo de congresos e incentivos en España - Alemaña, Francia e Inglaterra- na que se investirán 100 mil euros.

A iso engádense xornadas directas neses países e Italia, viaxes de familiarización de xornalistas e asistencia ás feiras turísticas especializadas en congresos, como a IMEX de Frankfurt, a EIBTM de Barcelona, ITME de Chicago e BTC de Milán.

Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade Españolas

Pola súa parte, os alcaldes das trece cidades con distinción de Patrimonio da Humanidade da Unesco celebraron unha asemblea extraordinaria durante a cal asinaron convenios de colaboración con Turespaña e RENFE.

A través do convenio marco con Turespaña, Alcalá de Henares, Ávila, Cáceres, Córdoba, Cuenca, Ibiza/Eivissa, Mérida, Salamanca, San Cristóbal de La Laguna, Santiago de Compostela, Segovia, Tarragona e Toledo logran financiamento para o seu Plan Anual de Actuación 2007.

O plan inclúe a asistencia a feiras como a ITB de Berlín e a IATA de Xapón e a xornadas directas de comercialización en mercados tradicionais como Gran Bretaña, Austria e Alemaña, pero tamén en China, Xapón, Corea do Sur, Taiwán, Europa de Leste, India e varios países de Sudamérica.

A isto se engaden viaxes de familiarización, publicacións e accións de marketing directo con énfase no turismo cultural polas trece cidades do grupo, creado no 1993.

Finalmente, o acordo das Cidades Patrimonio con RENFE permitirá a súa promoción conxunta, con énfase na creación dun ‘pasaporte’ que combine o desprazamento en tren e a estanza nunha ou máis urbes do grupo. As viaxes serán presentadas en diversos eventos internacionais e recibirán promoción a través de publicacións, webs e viaxes de familiarización.

Compartir: