TURISMO

2006 superou ao Ano Santo en consultas turísticas e pernoctacións

12/02/2007 No ano 2006, a oficina central de información de Turismo de Santiago recibiu 148.942 consultas turísticas, a metade delas formuladas por visitantes estranxeiros. As cifras do 2006 amosan un comportamento turístico superior ao do ano 2005. O incremento global nas consultas atendidas polo persoal de información turística é dun 25% con respecto ao ano anterior e dun 10% en comparación co último Ano Santo.

Por procedencias, o aumentou maior experimentárono as consultas realizadas por visitantes procedentes do estranxeiro. Concretamente atendéronse un 42% máis que no 2004 e un 35% máis que o ano pasado. Isto débese en gran medida ao incremento de voos internacionais con destino Santiago de Compostela operados por compañías aéreas de baixo custe como Ryanair e Air Berlin.

As 74.128 consultas de visitantes nacionais atendidas na oficina central supoñen un incremento do 16% con respecto ás atendidas en 2005, e un 10% menos que en 2004.

España

As comunidades que encabezan a lista de visitantes nacionais son Madrid (16,8%),Cataluña (14,1%), Andalucía (10,7%), Valencia (8,06%) e País Vasco cun 7%.

Baleares segue a ser a Comunidade que experimenta un maior crecemento con respecto a periodos anteriores, cun 34,1% máis que no 2005 e un 27,6% máis que no 2004. Outras comunidades con boas porcentaxes de crecemento son Cataluña (15,4% e 17% sobre 2005 e 2004) e o País Vasco, con incrementos do 15,4% e 17% respectivamente.

En termos xerais, todas as comunidades autónomas experimentaron un crecemento con respecto a 2005. A suba global foi de 11,2%.

Estranxeiro

Por orixe das consultas estranxeiras, Alemaña lidera la lista (15,6%), seguida por Francia (14,5%), Italia (13,53%), Reino Unido (9,7%) e Portugal (6,78%).

O aumento da afluencia de visitantes estranxeiros á cidade é particularmente importante nos casos de Austria (+38%), Alemaña (+34,8%), Italia (+31,6%), Reino Unido (+30,5 %) e Bélxica (+30%). Dende 2004, os incrementos máis notábeis experimentáronos Reino Unido (+47,8%), Italia (+44,5%), Austria (40,2%), Holanda (36,6%) e Alemaña nun 34,1%.

Ocupación hoteleira

A planta hoteleira de Santiago de Compostela gañou no 2006 un total de 769 prazas e experimentou un crecemento do 19,5%, ao pasar das 3.947 camas dispoñíbeis no 2005 ás 4.716 existentes na actualidade. O crecemento da pranta hoteleira é do 40,6% en relación co ano Santo 2004.

No ano 2006 producíronse nos hoteis composteláns de todas as categorías 857.000 pernoctacións, fronte ás 732.347 do 2005 e 791.875 do 2004. O aumento no número de noites de aloxamento é do 26% con respecto ao 2005 e un 22% respecto ao Ano Santo 2004.

Nos hoteis de 3 a 5 estrelas rexístranse 697.314 pernoctacións, 63.261 máis que no 2005 e incluso 28.076 máis que no 2004. O crecemento foi do 9,96% sobre 2005 e do 4,18% sobre o derradeiro Ano Santo.

Os datos absolutos facilitados pola Asociación de Hostalería de Santiago parecen indicar un descenso xeneralizado dos índices de ocupación media hoteleira no 2006. Sen embargo, estes resultados cambian substancialmente traducidos a pernoctacións (noites efectivas de aloxamento), posto que o número de prazas hoteleiras aumentou considerablemente nestes anos.

Chegadas

Neste ano produciuse un leve incremento na entrada de autocares á Dársena Xoán XXIII (+2,1%), cun total de 19.646 vehículos. As cifras acadadas no 2004, ano no que se rexistraron 10.699 chegadas de autobuses, superan en case o 50% ás do ano 2006.

O aeroporto de Lavacolla alcanzou os 1.994.519 pasaxeiros, un 8,2% máis que no 2005 e un 26,2% máis que no Ano Santo 2004. Ao crecemento contribúe a posta en marcha de novas frecuencias de Ryanair e Air Berlin, así como a chegada da liña catalana Vueling, con tres destinos directos.
Por meses, chama a atención que os maiores crecementos do 2006 se produciran en xaneiro, abril e outubro.

Consultas da páxina web

A páxina web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com , rexistrou un total de 835.846 accesos durante o ano 2006.

En relación co mesmo período do 2005 (203.989 accesos), o 2006 amosa un crecemento de máis do 270%, e dun 309,7% en relación co Ano Santo 2004 (203.988 accesos).

As seccións polas que os usuarios mostran máis interese son, por este orde, Visitar Santiago, A Cidade, Servizos Turísticos e O Camiño de Santiago.

Compartir: