FESTAS

As festas do Apóstolo chegan ao seu fin cos Fogos e co concerto de bandas galegas na praza da Quintana

30/07/2019 As festas do Apóstolo chegan ao seu final e fano cos tradicionais Fogos fin de festa e con varias propostas musicais, entre as que destaca o concerto de bandas galegas na praza da Quintana, coa Banda Crebinsky, Fredi Leis e Holywater.

Ás 21:00 horas arrincará na Quintana o último dos grandes concertos destas festas, coa presenza da Banda Crebinsky, a orquestra popular xurdida do universo do filme galego Crebinsky, sempre en evolución e mesturando os máis diversos estilos.

Tamén se subirá ao escenario da Quintana o cantautor compostelán Fredi Leis, quen anuncia un concerto animado co que transmitirlle o seu cariño á cidade que o viu nacer e medrar. Seguro que non faltará "Santiago DC", a canción que o levou a un recoñecemento que hoxe se ten convertido en lexión de seguidores.

Pola súa parte, Holywater chega a Santiago con novo disco, Arboreal, que sae á luz sete anos despois de anterior. A banda, referencia no rock alternativo galego, volve agora nunha versión máis acústica.

Unha hora máis tarde, ás 22:00 horas, arrincara na praza do Toural o concerto de Lulavai, un insólito cuarteto de mulleres no que o protagonismo lévano 4 arpas celtas e a polifonía das súas voces.

Ás 23:30 horas, a veciñanza poderá gozar dos tradicionais fogos fin de festa que se lanzan dende o Campus Sur e que poden verse dende numerosos puntos da cidade. E para continuar a última noite festiva do Apóstolo, á medianoite, no paseo central da Alameda, actuará a orquestra Essencia.

Compartir: