FESTAS

Chico César e as Xornadas de Folclore Galego, propostas desta fin de semana no Apóstolo

26/07/2019 Continúan as festas do Apóstolo, que esta fin de semana contan con propostas musicais como as de Chico César, Wöyza ou Trilitarte. Pero tamén haberá circo, desfiles de vehículos antigos e unha nova edición das Xornadas de Folclore Galego.

A praza da Quintana acollerá este sábado, ás 21:30 horas, as Xornadas de Folclore Galego, que reunirán no escenario as principais agrupacións de música e baile tradicional de Compostela: Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar e Ultreia. Este certame alcanza xa a súa edición número 51.

A protagonista musical da xornada será Wöyza, que tocará na praza do Toural a partir das 23:00 horas. Media hora antes, arrincará a sesión do grupo Zeltia na Alameda.

O calendario festivo da xornada complétase coa gala Circompostela no parque de Belvís (22:00 h) e coa exhibición de coches e traxes de época na praza das Praterías (20:00 h).

Domingo 28
A xornada do domingo arrincará ás 11:00 horas co desfile de vehículos antigos dende a estación do tren ata a praza do Obradoiro, onde quedarán expostos dende as 12:00 ata as 17:00 horas. Xa pola tarde, ás 18:00 horas, nova oportunidade para realizar unha visita guiada da man de Castelao, saíndo do parque da Alameda (estatua de Valle-Inclán).

No eido musical, tres propostas ben diferentes. Ás 20:00 horas, serán de hip-hop no parque de Femín Bouza Brey, en Vite. Na praza da Quintana, ás 22:00 h, actuará o brasileiro Chico César e, unha hora despois, comezará o concerto de Trilitrate na praza do Toural.

Compartir: