INFRAESTRUTURAS

Máis de 1,3 millóns de euros para obras de saneamento en Sionlla, Enfesta, Nemenzo e Lavacolla, e de abastecemento de augas en Miramontes

12/02/2007 A Xunta de Goberno Local aprobou os proxectos das obras de saneamento e depuración de augas residuais na Sionlla, Enfesta, Nemenzo e Lavacolla (San Paio). Tamén se deu o visto bo ás obras de abastecemento de auga potable en Miramontes, incluídas respectivamente nos planos de saneamento hidrolóxico de Galicia. Estes proxectos suporán un investimento de máis de 1,3 millóns de euros, que achega Augas de Galicia.

Entre as obras de saneamento destaca o novo colector de San Paio e da rede de augas residuais en Lavacolla. Partirá preto da igrexa e irá a carón do río ata unha parcela moi próxima á autovía de Lavacolla. As obras serán posibles grazas ao acordo ao que se chegou cos propietarios do solo.

Todas estas obras están incluídas dentro dun plan a tres anos, nos que se investirán 12 millóns de euros para sanear núcleos rurais de Compostela con depuradoras independentes, pola imposibilidade das mesmas de conectar coa principal.

A Granxa

O Goberno local tamén ratificou o proxecto e iniciou o expediente de contratación das obras de saneamento de augas fecais en A Granxa, por importe de 60.059 euros e un prazo de execución de tres meses. Instalaranse colectores de PVC compacto, realizaranse pozos de rexistro e reporase todo o pavimento afectado pola obra, entre outras actuacións.

Compartir: