EMIGRACIÓN E INMIGRACIÓN

O Concello contará cunha unidade de orientación a inmigrantes e emigrantes retornados

12/02/2007 O presidente da Mancomunidade de Santiago e alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Emigración da Xunta de Galicia, Manuel Luis Rodríguez González, mantiveron unha xuntanza, na que trataron diversas cuestións relacionadas coa atención aos emigrantes e inmigrantes. En particular, asinaron un convenio de colaboración a través do cal se desenvolverán actuacións de información, orientación e inserción socio-laboral para emigrantes retornados e inmigrantes residentes no municipio compostelán.

Entre os asuntos da reunión tamén figurou a análise da viabilidade da apertura dunha oficina de atención aos emigrantes da comarca en Venezuela (Caracas) e o establecemento de fórmulas de colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e a Mancomunidade da Comarca de Santiago.

O convenio asinado en Raxoi ten por obxecto a colaboración para o desenvolvemento no Concello de Santiago dun programa integral de atención, orientación e asesoramento a emigrantes retornados e inmigrantes residentes no municipio compostelán coa finalidade de facilitar a integración social deste colectivo.

Sánchez Bugallo, explicou que dado que a distribución censal dos inmigrantes é dun 80% no Concello de Compostela, "era importante fixar aquí esta nova oficina que será a continuación lóxica da que levaba dous anos funcionando para a toda a mancomunidade". Bugallo explicou que haberá outra oficina en Ames, onde tamén se rexistra un número importante de posibles usuarios. A través destes dous puntos de atención, a mancomunidade dará servizo a todos os retornados e inmigrantes da comarca.

Unidade de información

O programa consistirá no funcionamento dunha unidade de información, orientación e asesoramento xurídico e socio-laboral por parte do Concello que informará a estes colectivos sobre a súa situación xurídica e trámites administrativos a realizar dada a súa condición de inmigrante ou emigrante retornado. Neste sentido, asesorará na tramitación de permisos de residencia, traballo, visados, adquisición de nacionalidade, agrupamento familiar, e calquera outro trámite administrativo que este colectivo precise, así como sobre as posibles prestacións sociais, educativas ou sanitarias ás que tivesen dereito.

Tamén facilitará todo tipo de información acerca de programas formativos e de orientación e inserción laboral, e outras axudas ás que poidan ter acceso e que faciliten a súa inserción no mercado laboral. Finalmente, promoverá a incorporación dos inmigrantes ás redes sociais e á vida comunitaria, incluso a través de intervencións individuais e familiares.

Para o desenvolvemento destas actuacións a Secretaría Xeral de Emigración achegará 67.435 euros, destinados a sufragar os gastos do persoal necesario para o funcionamento da oficina sinalada anteriormente, entre o que deberá figurar un licenciado en dereito, un diplomado en traballo social e un auxiliar administrativo especializados nas áreas de estranxeiría e emigración.

Na xuntanza, a Secretaría Xeral tamén solicitou a colaboración do Concello de Santiago para o aco de clausura do programa "Obradoiros da Galicia exterior", que se celebrará o 9 de abril no Auditorio de Galicia coa realización dun evento musical con motivo do centenario do Himno Galego. Estes ciclos formativos van dirixidos a fillos e netos de galegos residentes no exterior, que participan a través dos centros galegos.

Compartir: