ALCALDÍA

O alcalde destaca o papel clave da USC para "deseñar o futuro de Compostela"

11/07/2019 "A universidade é un elemento fundamental para deseñar o futuro de Compostela". Así se expresou o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, antes da reunión que mantivo co reitor da USC, Antonio López.
Os dous destacaron a importancia que a colaboración entre ambas institucións ten para a cidade.

Para Sánchez Bugallo, a USC é unha institución fundamental en Compostela, porque "forma parte da nosa cidade dende hai máis de 500 anos, e porque Santiago non sería o que é, non tería o peso nin a transcendencia que ten se non fora pola Universidade". Sinalou o alcalde que, "máis aló da historia que nos une, importante e extensa, o que nos ten que unir é o futuro". É nese proceso, engadiu, onde USC e Concello teñen que ser "socios fundamentais".

O alcalde destacou a "longa experiencia de traballo en común" e afirmou que "chegou o momento de dar un salto cualitativo" para acadar un futuro "de retos e oportunidades" no que "xogan un papel importante a cultura e as novas tecnoloxías". "Universidade e Concello estamos chamados dalgunha maneira a encabezar ese proceso", subliñou.

O reitor asegurou compartir "esa visión da relación entre a cidade e a Universidade". "A sintonía entre os proxectos de cidade e os proxectos da USC é imprescindible", dixo. Tamén concordou Antonio López na necesidade de mirar para adiante, para novos proxectos, como a aposta pola cultura e "a investigación e proxección desa investigación naquilo que teña relevancia para o tecido produtivo e empresarial da cidade". Entre as iniciativas que están "callando", citou un "hub consolidado" ou "unha base tecnolóxica de investigación en biomedicina". E engadiu que "nun ámbito xeográfico periférico como é Compostela, temos xerado un ecosistema favorable para que todo isto frutifique".

Na reunión tamén falaron doutros proxectos de colaboración, como UNINOVA ou os Cursos Internacionais, actividades que, lembrou Antonio López, "veñen de atrás e cómpre revitalizar e redefinir"; e tamén de eventos importantes para a cidade nos que quere participar a USC, e do "papel do Consorcio, da cidade e do Concello nalgúns dos proxectos que temos".

Compartir: