CONSORCIO

A Casa do Cabido exhibe a mostra "A paisaxe e a súa pegada", na que catro fotógrafos amosan a súa particular visión do Camiño

11/07/2019 No marco do proxecto expositivo Imaxinando Compostela, que o Consorcio de Santiago está a promover vencellado ao Xacobeo 2021, esta mañá inaugurouse unha nova mostra na Casa do Cabido. A paisaxe e a súa pegada I é a primeira parte dunha exposición que terá continuidade cunha segunda mostra que arrincará nos últimos meses do ano. Trátase da visión que catro fotógrafos teñen da paisaxe ligada a Compostela como meta e ao Camiño de Santiago: Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz.

O alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a exposición. Ao acto asistiron, ademais dalgúns dos fotógrafos participantes nesta iniciativa; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juan Conde; e á comisaria da mostra, Mercedes Rozas.

O alcalde de Santiago puxo de manifesto que "vivimos nunha cidade que ten uns 1.200 anos de historia; o gran patrimonio que atesoura é o resultado desa evolución e esta exposición é un xeito de recuperar unha parte da nosa historia". E salientou que "os Anos Santos actúan como elemento de impulso que temos que enfrontar como unha oportunidade, porque Santiago é un produto cultural; onde podemos xogar un papel importante de cara ao futuro é a través da nosa historia e da nosa cultura".

Pola súa parte, a comisaria da exposición explicou que "cunha atenta mirada, aberta á metáfora e chea de contrastes e simboloxía, os artistas desta exposición captan nas súas creacións o potencial do Camiño de Santiago a través do contexto vital que lles rodea. A paisaxe como concepto cultural vai engarzando as distintas imaxes, nun discurso creativo que transcende o simple rexistro informativo para chegar a converterse en fértil nexo de actuación entre a arte e a natureza".

Nas súas intervencións, os fotógrafos Alberte Peiteavel, Javier Teniente, Sheila Pazos e Tino Viz non se deteñen unicamente na parte máis descritiva do territorio, senón que achegan o rumbo creativo da fotografía con recursos expresivos, enfoques e fusión de técnicas que fan visible o invisible. Os relatos fotográficos rastrexan a atemporalidade da luz sobre o horizonte, a fraxilidade dunha flor ou o latexo do silencio nun bosque, salientan a beleza e potencia da pedra en Compostela ou fabulan con total liberdade coa contorna, imaxinando escenarios máxicos que vulneran as leis da propia realidade.

Ademais, xogando coa transversalidade da arte, fotografía e poesía fúndense nunha aventura común. Así, os versos de Antonio Gamoneda, Pura Vázquez, Olalla Cociña e Rafa Vilar ispen a vida deses momentos vitais que están máis aló da cámara.

Esta mostra terá una segunda parte de outubro a decembro baixo o título A paisaxe e a súa pegada II. Nesta ocasión participarán os fotógrafos Xoán Soler, Andrea Costas, Eva Díez e Denís Estévez. Cada un deles ofrecerá a súa visión particular da paisaxe do Camiño de Santiago e da cidade.

Na Casa do Cabido ata o mes de outubro
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata o vindeiro mes de outubro. Poderá visitarse de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.

Compartir: