EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico acada o compromiso da Xunta e do goberno portugués para finalizar o AVE Vigo-Porto no 2013

09/02/2007 O presidente do Eixo, Xosé A. Sánchez Bugallo valora positivamente o compromiso e apela ao esforzo común para poñer en marcha os tramos que aínda non están licitados. Durante a XXIII Asamblea, a institución aprobou a Declaración de Gaia e converteuse nunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), a fórmula aconsellada pola UE.

O Eixo Atlántico celebrou no Edificio da Presidencia de Vila Nova de Gaia a súa XXIII Asamblea Xeral na que participaron representantes das dezaoito cidades que conforman o sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O acto, presidido por Xosé A. Sánchez Bugallo, contou coa presencia da Conselleira de Ordenación Territorial, Mª Xosé Caride, da Secretaria de Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino, do Secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras, do Director Xeral de Urbanismo da Xunta, Ramón S. Lueje e do Director Xeral de Planificación Económica e de Fondos Comunitarios da Xunta de Galicia, Aureliano García González-Llanos.

Na Asamblea foi aprobada a Declaración de Gaia, documento que conten unha serie de propostas aos gobernos de ambos países para acelerar o desenvolvemento na Eurorrexión.
Outro dos temas claves que se abordaron na reunión de Vila Nova de Gaia foi a transformación xurídica do Eixo Atlántico mediante a aprobación de reconversión en Agrupación Europea de Cooperación Territorial converténdose, deste xeito, nunha das primeiras AECT da Península Ibérica.
Ademais destes temas, tamén foi aprobado o presuposto da organización para ao ano 2007 que ascende a un total de 1.768.794 euros, dos que 86% corresponden a convenios e programas europeos.

A Conselleira de Poltíca Territorial, Mª José Caride, e a Secretaria de Estado de Transportes do Goberno portugués, Ana Paula Vitorino, compremetéronse a finalizar a conexión do AVE entre Vigo e Porto no ano 2013, tal e como foi esixido polos representantes das 18 cidades que conforman a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e que , basicamente consiste nun AVE de velocidadde promedio 200km ( hai que ter en conta que as cidades do sistema urbano distan entre sí nun promedio de 60 km), con vía compatible para mercadorías, que non só conecte as cidades senón tamén os portos e aeroportos.

Ademais do AVE, plantexan de forma inseparable a modernización da rede interna ferroviaria entre as cidades de Galicia e do Norte de Portugal. O transporte ferroviario, no seu conxunto, constitue unha das principais aposta da estratexia de Intermodalidade do Eixo Atlántico no período 2007-2013. O sistema urbano precisa dun sistema ferroviario que conecte de maneira eficiente as súas cidades, os seus portos e os seus aeroportos e que aumente as súas potencialidades da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Neste senso, dende o Eixo Atlántico propuxo a creación dun Consorcio Transfronteirizo de Transportes que coordine de maneira conxunta os tres sistemas que o integran: o sistema portuario, sistema aeroportuario e sistema ferroviario interior.

Tamén se aprobaron os presupostos para o 2007. Segundo Bugallo, a institución atópase agora mesmo nun moi bo momento financeiro e dispón de tesourería suficiente para adiantar os orzamentos de todos os proxectos previstos de aquí ao remate da axenda estratéxica que se acordou hoxe e que concluirá no 2013. Ademais, a institución iniciou nesta asamblea os trámites burocráticos de cara a converterse nunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial tal e como aconsella a UE, despois de que delegacións galegas e portuguesas apelasen durante anos a unha nova fórmula legal que lles permitise levar adiante proxectos sen atopar as trabas burocráticas que supón ter que someter cada proposta a aprobación de ambos países, coas sabidas diferencias de lexislación existentes entre os dous. Con esta nova fórmula o Eixo Atlántico acadará maior axilidade nas súas xestións.

A XXIII Asamblea Xeral do Eixo Atlántico foi clausurada co acto de entrega das Medallas Eixo Atlántico ao Dr. Fernando Gómes, ex-alcalde da Cámara Municipal de Porto, pola súa contribución no desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e promover a creación do Eixo Atlántico, e a D. Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova, pola súa contribución no desenvolvemento económico, cultural e social tanto no norte de Portugal como en Galicia.

Documentos relacionados



Compartir: