PRESIDENCIA

Sindo Guinarte participa nas xornadas profesionais de Maker Faire Galicia 2019

05/07/2019 O concelleiro de Relacións Institucionais e segundo tenente de Alcalde, Sindo Guinarte asistiu esta mañá á apertura do encontro "Empresas con alma de start up. Maker Faire Galicia 2019". No seu discurso destacou a importancia que ten para Santiago acoller eventos deste tipo, porque "innovación e creación son as claves do éxito do sector industrial e empresarial".

Sindo Guinarte definiu a feira como "unha oportunidade única para coñecer os últimos avances tecnolóxicos, visualizar como está o mercado, crear sinerxias, captar novos talentos ou sumarse a novos proxectos empresariais". Destacou que para crear emprego e que Compostela se converta nunha cidade de oportunidades "necesita diversificar a súa base económica". E para iso é preciso, engadiu, "xerar as condicións necesarias para a creación e captación de empresas dos ámbitos cultural, industrial, tecnolóxico e da biomedicina". Entre esas condicións estaría por en marcha novos espazos para negocios de recente creación e para emprendedores.

Guinarte lembrou que un dos proxectos previsto é construír, en parcelas propiedade do Concello, naves niño destinadas a novas iniciativas empresariais co obxectivo de darlle continuidade a esas novas empresas que están xurdindo e complementar os viveiros, como o da Cámara de Comercio.

O concelleiro rematou o seu discurso dándolle a benvida ao medio millar de persoas inscritas na Maker Faire e agradecendo a colaboración das distintas entidades: Xunta de Galicia, IGAPE e Fundación Cidade da Cultura, que cedeu os espazos para a celebración da feira. Porque, rematou "todos sumamos nesta aposta por uns proxectos tecnolóxicos que enriquecen e favorecen o noso tecido produtivo".

Co encontro "Empresas con alma de start up" rematan as xornadas pechadas da Maker Faire. Este sábado e o domingo xa serán abertas ao público. Nenos/as, adultos/as e maiores poderán gozar coas numerosas charlas e actividades programadas: relatorios como o de Soledad Ayuso, unha avoa maker que imprime todo o que se imaxina en 3D; ou obradoiros como os de pilotaxe de drons ou creación de microscopios caseiros; e tamén actividades como Hebocon, unha competición de robots absurdos que nas pasadas edicións captou a atención de pequenos e grandes.

A entrada é gratuíta para menores de 14 anos e maiores de 65. Para o resto ten un custe de 5 euros os dous días da feira.

Compartir: