MULLER

O Concello dedicará o Día Internacional da Muller a nove traballadoras do campo da ciencia e a investigación

09/02/2007 O vindeiro 8 de marzo, Día Internacional da Muller, o Concello de Santiago homenaxeará a nove científicas e/ou investigadoras que residen en Santiago. Así o anunciou a concelleira da Muller, Adelaida Negreira, nunha rolda de prensa no Pazo de Raxoi.

Ante a declaración do 2007 como "Ano da Ciencia" por parte do Goberno central, e co obxectivo de contribuír á promoción pública da cultura científica e tecnolóxica, especialmente a levada a cabo por mulleres investigadoras, a Concellaría da Muller decidiu este ano render homenaxe ás traballadoras do ámbito da ciencia xa que, como sinalou Adelaida Negreira, a pesar dos logros acadados seguen a existir grandes barreiras á hora de desenvolver unha carreira profesional neste campo.

Co acto, que se celebrará o día 9 de marzo ás 8 da tarde no Hostal dos Reis Católicos, o Concello quere recoñecer o labor destas mulleres científicas e investigadoras que están a desempeñar un papel decisivo na xeración de coñecemento na nosa cidade, así como salientar a cada vez maior presenza feminina en postos de relevancia en tódolos ámbitos da vida.

A edil de Muller quixo facer fincapé en que estas nove mulleres, das non deu a coñecer o nome, son só unha representación das moitas que en Santiago desempeñan funcións de importancia en ámbitos que tradicionalmente estaban copados e reservados para os homes.

Compartir: