TURISMO

Santiago celebrará en febreiro de 2008 o seu primeiro foro gastronómico

09/02/2007 O I Fórum Gastronómico Santiago’08 ‘As cociñas do Atlántico’, será presentado ao sector turístico compostelán o martes 14 de febreiro, e a nivel nacional en Girona entre o 17 e 21 de febreiro, segundo anunciou o concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

Santiago de Compostela celebrará o seu primeiro foro gastronómico entre o 16 e o 20 febreiro do 2008, segundo anunciou en rolda de prensa o concelleiro de Turismo, Francisco Candela.

O evento, que leva por nome ‘Fórum Gastronómico Santiago’08 ‘As cociñas do Atlántico’, é unha iniciativa de Turismo de Santiago, Concello de Santiago, a Cámara de Comercio de Santiago e a Asociación de Empresarios de Hostalería de Santiago e Comarca, baixo a dirección e supervisión de Pep Palau, von Arend i Associats, responsábeis do prestixioso Fòrum Gastronòmic de Girona.

O evento, que reunirá por primeira vez na cidade a primeiros nomes da cociña galega, española e internacional, será presentado á sociedade galega nun acto que se celebrará o próximo martes 14 de febreiro no Hotel-Monumento San Francisco.

De acordo con Candela, o Fórum Gastronómico é un acontecemento de referencia centrado na enogastronomía -cociña e viños-, encamiñado á promoción e difusión da calidade dos produtos de Galicia e a proxección de Santiago como referencia de primeira orde en España e no mundo.

‘O evento nace con periodicidade bianual e vocación de futuro, para converter a Santiago de Compostela na capital enogastronómica de Galicia e en punto de encontro das cociñas do Atlántico’, sinalou Candela.

Santiago presente en Girona

O evento seguirá o exitoso formato do Fòrum Gastronòmic catalán, que se celebra bianualmente en Girona e que se alternará co foro galego como as dúas grandes citas da gastronomía nacional.

Na edición catalana deste ano, que ten lugar na Fira de Girona do 17 ao 21 de febreiro, Turismo de Santiago presentará o novo evento galego das cociñas atlánticas ao público especializado.

Santiago de Compostela estará representada no Fòrum Gastronòmic por unha delegación de Turismo de Santiago, a Cámara de Comercio e a Asociación de Hostalería, así como por mestres cociñeiros como Marcelo Tejedor, Xosé Cannas e Pepe Vieira, qué ofrecerán sesións maxistrais de cociña en vivo.

Os visitantes afeccionados e profesionais do foro catalán poderán así mesmo participar en catas de viños galegos, ostras e polbo.

Compartir: