DEPORTES

A VI Jamboree Nacional Minibasket de Clubs reúne 300 deportistas no Restollal do 22 ao 25 de xuño

20/06/2019 A Jamboree Nacional Minibasket de Clubs celebra do 22 ao 25 de xuño a súa sexta edición consecutiva en Santiago de Compostela. A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, e o presidente da Federación Galega de Baloncesto, Francisco Martín, presentaron o evento, que volve a ser un campionato de España oficioso e amigable na categoría minibasket. Ao longo das catro xornadas disputaranse 56 partidos nas tres pistas de xogo habilitadas no pavillón do Restollal.

O Concello de Santiago e Federación Galega de Baloncesto organizan esta Jamboree, que contará coa participación de 20 equipos (9 masculinos e 11 femininos), que xuntan preto de 300 deportistas procedentes de Galicia e doutras partes do Estado. A cidade estará representada por tres clubs: FEDESA, Obradoiro CAB e Cluny. Xunto a eles participarán: Salesianos Vigo, R.C. Celta e Seis do Nadal (Vigo); Estudiantes Pontevedra e CAB MRW (Pontevedra); Estudiantes Lugo (Lugo); Muebles Victoria Barco (Barco de Valdeorras); AD Valle-Inclán (A Coruña); Baloncesto Femenino León (León); Enrique Soler e La Salle (Melilla); e Mutilbasket (Navarra).

Tanto en categoría masculina como feminina, a competición realizarase repartindo os equipos en dous grupos, que disputarán unha liga a unha volta (sábado, domingo e luns pola mañá). Posteriormente, celebraranse a fase de cruces clasificatorios (luns pola tarde) e as finais (martes pola mañá).

Documentos relacionados



Compartir: