EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico presenta a Axenda Estratéxica 2007-2013

08/02/2007 Os alcaldes dos 18 principais concellos de Galicia e o norte portugués celebran mañá en Vila Nova de Gaia a súa XXIII Asemblea Xeral. As infraestruturas e a Axenda Estratéxica a desenvolver nos próximos sete anos centrarán as sesións de traballo. Nesta xornada, ademais, o Eixo Atlántico cambiará a súa forma xurídica e converterase nunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), a fórmula aconsellada pola UE.

Ás nove da mañá, hora portuguesa, darán comezo en Vila Nova de Gaia as sesións de traballo. O presidente do Eixo, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentará un informe de xestión e balance económico e, a continuación, o presuposto anual do Eixo Atlántico do Noroeste para o ano 2007, cun total de 1.768.000 euros, dos que un 86% son recursos externos (convenios e proxectos europeos). Nesta primeira parte da xornada a institución adoptará formalmente a fórmula de Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), tal e como recomenda a Unión Europea.

O punto forte do día xira en torno á presentación da Axenda Estratéxica. Baixo o epígrafe, "Sete ideas para sete anos decisivos", estableceranse os obxectivos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o período 2007-2013. O obxectivo é chegar a esa data límite, en que cambiará a orientación dos fondos comunitarios, nunha situación favorable e competitiva. Este traballo quere converterse nunha folla de ruta para a cohesión interna do sistema urbano da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no novo período europeo de programación dos fondos 2007-2013. Trabállase con sete prioridades: a ordenación dun territorio equilibrado, o desenvolvemento sustentable, a centralidade nas cidades, a gobernanza e o parceirado como sistemas de relación, a aposta pola sociedade da información, un desenvolvemento perdurable e creador de emprego e un espazo cultural común.

Infraestruturas

Ademais da Axenda Estratéxica, a Asemblea ocuparase da Estratexia de Intermodalidade, integrada por catro estudos que reflicten a especial atención que se presta dende o Eixo Atlántico ás infraestruturas como base do desenvolvemento do sistema urbano da Eurorrexión: o estudo da implantación dun sistema aeroportuario común, dirixido polo profesor Abel Caballero, catedrático de Economía na Universidade de Vigo; o estudo sobre a creación dun sistema portuario común, dirixido polo profesor Fernando González Laxe da Universidade da Coruña; a actualización do mapa de infraestruturas da Eurorrexión e do sistema ferroviario interno, dirixido polo profesor Miguel Bugarín, catedrático de Ferrocarrís na Unversidade de A Coruña, que analiza a necesidade de potenciar a rede ferroviaria interna e de proximidade. Ademais destes temas será abordada a análise da viabilidade da creación dun Consorcio Transfronteirizo de Transportes.

O presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, indicou que o AVE estará tamén na mesa de debate. Neste sentido, afirmou estar satisfeito porque o proxecto de alta velocidade sexa unha realidade e polo feito de ter conseguido tres obxectivos: que o AVE pare nas cidades, que combine viaxeiros e mercadorías e que conecte portos e aeroportos. "Agora –indicou– queda por concretar prazos e compromisos".

A Asemblea vai contar coa presenza do secretario de Estado portugués de Desenvolvemento Rexional, Rui Baleiras; coa secretaria de Estado de Transportes do Goberno portugués, Ana Paula Vitorino; coa directora xeral de Transportes, Mar Chao López; e co director xeral de Urbanismo da Xunta de Galicia, Ramón S. Lueje. Ao final da Asamblea intervirán a Secretaria de Estado dos Transportes de Portugal, Ana Paula Vitorino e a Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transprotes, Mª José Caride.

Entrega de Medallas

Antes da clausura, terá lugar un acto solemne no que lle serán entregadas as medallas do Eixo Atlántico a Julio Fernández Gayoso, presidente de Caixanova e ao Dr. Fernando Gomes, administrador de GALP Energia e ex-alcalde de Porto. Este galardón recoñece o traballo desenvolvido a nivel económico ou social para contribuír a facer realidade os obxectivos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Compartir: