EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Publicadas as listaxes definitivas de admitidos/as nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais

14/06/2019 A Concellaría de Educación e Cidadanía vén de facer públicas as listaxes definitivas de nenos/as admitidos/as nos obradoiros de verán das escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños. As familias admitidas deben agora formalizar o pago correspondente.

Estes obradoiros están destinados a nenos e nenas empadroados en Santiago que cursen estudos de 2º ciclo de educación infantil e 1º e 2º de educación primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. Os obradoiros realizaranse durante o mes de xuño (días 24, 25, 26, 27 e 28), xullo (do 1 ao 31, agás sábados, domingos e festivos), agosto (do 1 ao 30, agás sábados, domingos e festivos) e setembro (dende o día 2 ata o comezo do curso escolar 2019-2020). As familias poden escoller entre varias modalidades: 5 días soltos en xuño, mes completo en xullo ou en agosto e días soltos en setembro.

O horario dos obradoiros de verán será de 10:00 a 14:00 horas, coa posibilidade de que as familias soliciten ademais un servizo de almorzo (de 9:00 a 10:00 horas), un servizo de comedor (de 14:00 a 15:00 horas) e horas a maiores (entre as 7:30 e as 10:00 e entre as 14:00 e as 16:00 horas). Os obradoiros desenvolveranse nas propias escolas, agás no mes de agosto, no que se concentrarán na Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños.

Tarifas
As tarifas dos obradoiros van dende os 12 euros dos días soltos ata os 125 euros dun mes completo. De precisarse outros servizos ofertados, o prezo dos almorzos oscila entre os 2 euros dos días soltos e os 30 euros do mes completo, mentres que o custo do comedor oscila entre os 5 euros (día solto) e os 75 euros (mes completo). As horas soltas fóra do horario dos obradoiros teñen un prezo de 3 euros, que serían 15 no caso da tarifa mensual.

Documentos relacionados



Compartir: