LINGUA

Xa hai gañadores da IV edición do Fotolingua, que se pechou con máis de 400 imaxes asociadas

11/06/2019 A IV edición do concurso Fotolingua, que pretende darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, pechouse con 441 imaxes asociadas ao cancelo #fotolingua. Delas, a que recibiu máis "gústame" do público, 180, foi a realizada por Raquel Pombar na escola Sondanza. Pola súa banda, a organización do certame decidiu premiar a Xaime Varela Siero, polo conxunto de imaxes que publicou no que reflicte a riqueza e variedade de establecementos que usan o galego en Compostela.

Na súa IV edición, o concurso Fotolingua está plenamente consolidado, e cumpre o seu obxectivo de darlle visibilidade ao uso do galego no ámbito comercial, reforzando os establecementos que xa o empregan e animando a outros que o fagan. Este ano, foron un total de 229 imaxes únicas as que se subiron ás dúas redes empregadas no certame, Facebook e Instagram, e que cumprían todos os requirimentos das bases do concurso. A maiores, publicáronse outras 12 que non puideron optar a premio porque incumprían as bases.

A consolidación do concurso tamén se deixa notar no incremento de seguidores na súa páxina de Facebook, que sumou 334 este ano ata chegar a 1.400 persoas. Ademais, o número de impresións nas redes achegouse ás 12.300.

Imaxes premiadas
A imaxe que conseguiu máis "gústame" do público foi a compartida por Raquel Pombar, que fotografou unha parte do alumnado da escola Sondanza diante do centro, no barrio de Conxo. A segunda posición foi para Manolo Villaverde, por unha imaxe do restaurante Antollos, da rúa das Orfas, subida a Facebook; e o terceira imaxe máis valorada polo público foi a subida a Instagram pola usuaria @arancharf no Restaurante Rúa.

Pola súa banda, a organización de Fotolingua acordou premiar a Xaime Varela Siero, polo conxunto de imaxes que publicou de diferentes establecementos que usan o galego en Santiago, e tamén por ter participado no concurso dende a súa primeira edición. Tamén se quixo valorar especialmente a retranca que utiliza nas súas publicacións para incentivar a presenza do galego e todo tipo de comercios.

Compartir: