PROMOCIÓN ECONÓMICA

O recinto feiral de Amio acollerá un mercado de saldos

08/02/2007 O concelleiro de Promoción Económica e Comercio, Xosé Manuel Iglesias, presentou a convocatoria para que os comerciantes participen de forma gratuita en "Outlet Compostela", a primeira de saldos que se celebra en Santiago; e o microsite sobre o programa de dinamización comercial Marzo, mes do Comercio, no que está incluído o Outlet, e ao que se pode acceder dende a páxina da Concellaría www.maiscompostela.org.

"Outlet Compostela" inaugurase o 17 de marzo, ás 13:00 horas, e pechará as súas portas o domingo 18 de marzo, ás 21:00 horas. Celebrarase no recinto feiral de Amio e contará cun máximo de 100 expositores. É unha das actividades programadas no marco de "Marzo, mes do Comercio", e está dirixida a todos os establecementos comerciais de venda polo miudo, agás os de alimentación, que queiran reducir stocks.

A participación é gratuita e os postos de venda adxudicaranse por orde de entrada das solicitudes de reserva de espazo. Os establecementos participantes deben axustarse estritamente ás normas contempladas na Lei do Comercio Interior de Galicia, no que se refire a saldos e promocións. No recinto feiral de Amio habilitarase un espazo lúdico para os máis pequenos, con coidadores especializados, para que os adultos merquen con tranquilidade.

A Concellaría enviou aos comercios composteláns un díptico informativo xunto á documentación necesaria para participar no "Oulet Compostela". Os documentos tamén se poden baixar do microsite sobre "Marzo, mes do Comercio".

Microsite

O microsite contén información sobre as distintas actividades que se desenvolverán no programa Marzo mes do Comercio: as exposicións "Historia do Comercio Compostelán" e "De Compras por Compostela", o "Outlet Compostela", "Aprende mercando", e a II Gala do Comercio. Tamén se pode atopar a documentación para participar no "Outlet Compostela e a folla de inscripción para asistir á II Gala do Comercio, que se celebrará o 30 de marzo no Auditorio de Galicia. Na gala, aberta ao público, homenaxearase a cinco destacados comerciantes de Santiago e entregaranse os premios do Concurso de Escaparatismo e do Concurso de I+C.

A Concellaría de Promoción Económica deseñou o programa Marzo, mes do Comercio, cun dobre obxectivo: dar protagonismo ao comercio nun mes no que xeralmente non o ten e sentar as bases dun programa que se repita no mes de marzo, recoñecéndolle ao comercio seu valor.

Compartir: