CULTURA

Pedro Halffter dirixirá á Real Filharmonía de Galicia o xoves 12

10/05/2005 Interpretará obras de D. del Puerto, S. Prokofiev e F. Schubert. Como solista estará o violinista Frank Peter Zimmermann.

O xoves 12 de maio ás 21.00 horas no Auditorio de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, auspiciada polo Consorcio de Santiago, baixo a batuta do director Pedro Halffter, interpretará as obras de David del Puero (1964) Adagio; de Sergei Prokofiev (1891-1953) Concerto para violín nº 2, op. 63 e de Franz Schubert (1797-1828) Sinfonía nº 1 en Re maior, D 82. Como solista, estará o prestixioso violinista Frank Peter Zimmermann.

Pedro Halffter, director

Nado en Madrid en 1971, asiste a cursos de dirección de orquestra con K. Oesterreicher, B. Weil, J. Kalmar e en Sienna con Y. Musin e F. Leitner. Recibiu o Premio Jugend Musuziert, o Premio de Composición para Novos Compositores organizado polo Deutches Musikrat e o Premio Novo Director de Orquestra da CEE que lle foi outorgado en Venecia en 1997.

Dirixiu algunhas das máis importantes agrupacións europeas, como a Orquestra da Radio de Baviera, da Radio de Frankfurt, da Radio de Saarbrücken, da Radio de Hannover, Filharmónica de Dresde, Deutsches Symphonie de Berlín, Komische Oper de Berlín, Beethovenhall de Bonn, Sinfónica de Hamburgo, Filharmónica de Stuttgart, a Filharmónica de Estrasburgo, Orquestra Nacional do Teatro Capitole de Toulousse, Nacional de Lión, da Radio de Munich, Filharmónica de Praga, de Chile, Sinfónica de Nuremberg, debutando recentemente na Goldenersaal do Musikverein de Viena, así como a maioría das orquestras españolas.

No ámbito da ópera e oratorio dirixiu máis de quince títulos destacando Carmen, Madame Butterfly, A voz humana, O teléfono, Os sete pecados capitais, A vida breve, Lo speziale, O soño de Geroncio, Turandot, Fausto ou Norma en teatros tan importantes como o Teatro Real de Madrid, Teatro Liceo de Barcelona, Festival de Ópera de Las Palmas, Teatro Maestranza de Sevilla, Campoamor de Oviedo, Teatro da Ópera de Chemnitz (Alemaña), así como a estrea mundial de Don Quijote de C. Halffter no Teatro Real.

Actualmente é director titular e artístico da Orquesta Filharmónica de Gran Canaria e foi nomeado director artístico da Real Orquesta Sinfónica de Sevilla e do Teatro da Maestranza a partir da temporada 2004-2005.

Frank Peter Zimmermann ao violín

Nado en 1965 en Duisburg, Alemaña. Frank Peter Zimmermann apareceu en concerto coas principais orquestras e directores do circuíto internacional. Os seus compromisos orquestrais e en recital fano aparecer nas principais salas e festivais de Europa, Estados Unidos, Xapón, América do Sur e Australia.

Durante a temporada 2003/04 e 2004/05 destacan os seus compromisos coa Boston Symphony Orchestra, a Chicago Symphony Orchestra, Los Angeles Philharmonic Orchestra, a National Symphony Orchestra de Washington, a Berlin Philharmonic Orchestra, a Gewandhaus Orchestra Leipzig, a Philharmonia Orchestra, a Symphony Orchestra of the Bavarian Radio e a NHK Symphony Orchestra.

En febreiro de 2003 Frank Peter Zimmermann e a Berlin Philharmonic Orchestra dirixida por Perter Eötvös ofreceu a estrea mundial do concerto de violín "en sourdine" do compositor alemán Matthias Pintscher. Posteriores actuacións coa Orchestre de París baixo a dirección de Christoph Eschenbach, a Cleveland Orchestra dirixida por Franz Welser-Möst e a BBC Symphony Orchestra con Jukka-Pekka Saraste.

Na marxe dos seus moitos compromisos orquestrais Frank Peter Zimmermann aparece en recital en todo o mundo, sendo acollidas as súas interpretacións dos repertorios clásico, romántico e do século XX con grande éxito de público e crítica. Desde 1998 é acompañado con regularidade polo xoven pianista italiano Enrico Pace. Outros artistas cos que frecuentemente interpreta música de cámara son Heinrich Schiff e Christian Zacharias.

Frank Peter Zimmermann toca un Stradivarius de 1711, que pertenceu a Fritz Kreisler, cedido por Westdeutsche Landesbank.

Compartir: