URBANISMO

A dotación residencial da zona do Castiñeiriño increméntase con 382 novas vivendas

08/02/2007 A Xunta de Goberno do luns 12 aprobará definitivamente o proxecto de urbanización do Sunp-14, denominado "Tras Paxonal", o que se construirán 382 novas vivendas, das cales 300 serán protexidas. Este novo espazo residencial sitúase tralo restaurante Paz Nogueira e en paralelo á Avenida de Santiago de Cuba.

As 382 vivendas dividiranse en cinco bloques, do que unicamente un será de vivenda libre de prezo taxado (cun máximo de 2.000 euros por metro cadrado). Ademais, construirase unha serie de vivendas unifamiliares para o realoxo dos propietarios afectados.

O novo polígono conta cunha superficie de 69.400 metros cadrados e dispón dunha ampla zona verde lindeira con Santiago de Cuba. Habilitarase un novo vieiro paralelo a esta rúa, que en principio unicamente estará separado do actual por elementos móbiles á espera dunha futura conexión co periférico. Tamén se reservou espazo para dotación educacional.

O alcalde indicou que "non será unha urbanización barata", xa que ascenderá a 5,2 millóns de euros, pero si de "gran calidade". Segundo anunciou, agora só quedan pendentes os últimos flecos nas negociacións que mantén Emuvissa para as expropiacións.

As Cancelas

Por outra parte, Sánchez Bugallo lembrou a aprobación o luns 5 de febreiro do proxecto de compensación do Sunp-4 (Camiño Francés) e do texto do convenio no que se concretará o aproveitamento municipal deste solo, no que se construirá o futuro centro comercial das Cancelas. Agora queda esperar –dixo– a que a empresa empece as obras de urbanización e a que a promotora presente o proxecto para a solicitude da licenza de obra e apertura. O alcalde apuntou que, unha vez presentada, esta dilixenciarase no prazo duns seis meses. As obras poderían comezar entón no verán.

Compartir: