URBANISMO

Medio Ambiente remite o seu informe respecto o PXOM

08/02/2007 A Consellería de Medio Ambiente remitirá o venres 9 o seu informe sobre o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Santiago. Polas informacións que afirmou ter o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, o pronunciamento será positivo e o departamento autonómico unicamente pedirá algunha aclaración.

Segundo indicou, Medio Ambiente unicamente requirirá que se acrediten no expediente cuestións como as relativas ao subministro de auga ou ao saneamento. O Concello estará en condicións de enviar esa información complementaria en menos de 15 días e entón o PXOM recibirá a luz verde medio ambiental, unha vez tamén recibida a patrimonial o pasado 30 de xaneiro.

Unha vez recibido este visto bo, unicamente quedará a ratificación definitiva por parte da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes. Este departamento dispón dun prazo de tres meses para emitir o seu pronunciamento.

Sánchez Bugallo aproveitou para reitera que o PXOM compostelán é un "plan exemplar". Nese sentido, lembrou cuestións como a reserva de seis millóns para solo empresarial ou a franxa de protección de 50 metros a cada lado para os edificios, moi por riba dos estándares habituais.

Compartir: