INFRAESTRUTURAS

O alcalde constata a boa disposición do ADIF respecto ao proxecto da estación do AVE

08/02/2007 Xosé A. Sánchez Bugallo expresou a súa satisfacción polo resultado da reunión mantida en Madrid, o luns 5 de febreiro, con representantes do Ministerio de Fomento, do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) e de Política Territorial. O alcalde destacou que "estamos no bo camiño", xa que por primeira vez, o ADIF amosouse disposto abandonar o seu proxecto inicial de construír un gran centro comercial enriba da futura nova estación do AVE.

O Concello xa lle tiña amosado a ADIF o desacordo municipal con esta idea, que non encaixaría arquitectonicamente e que, sobre todo, provocaría un "caos" de tráfico neste punto da cidade. Segundo Sánchez Bugallo, o ADIF está agora receptivo a cambiar este plantexamento e propuxo deixar unicamente unha superficie de 2.500 metros cadrados para superficie comercial. A proposta que esta entidade lle fixo ao Concello é que converta a maior parte posible da edificabilidade da superficie restante para uso residencial.

O alcalde indicou que se vai a estudar a proposta, cun cambio de uso que obrigaría a modificar o PXOM. En calquera caso, dixo, quedaría por determinar que parte da superficie se dedicará a uso residencial, que podería ser en torno á metade, pero en ningún caso na súa totalidade.

Bando

Sánchez Bugallo tamén mantivo unha xuntanza en Madrid con representantes do Ministerio de Defensa sobre os terreos para o proxecto de Bando. A previsión é que en breve se poida asinar o convenio que fixará o aproveitamento deste solo, onde se construirá un gran campo de golf, unha área residencial e outras dotacións deportivas ou hostaleiras.

O alcalde indicou que, con posterioridade a esa xuntanza, recibiran unha nova proposta do equipo comandado polo golfista Greg Norman que está a elaborar o proxecto do campo de golf. Así, malia ter reservado inicialmente 500.000 metros cadrados para o campo, a empresa manifestou a conveniencia de que a superficie sexa de aproximadamente 600.000, "para darlle ao campo unha dimensión internacional e que no futuro puidera entrar nos circuítos de torneos". Proximamente organizarase unha visita con esta empresa, para que estuden sobre o terreo as características do futuro campo de golf.

Compartir: