CONSORCIO

O percusionista alacantino Gratiniano Murcia formará a novos/as músicos/as galegos/as

21/05/2019 A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), con sede en Santiago de Compostela, dispón dun programa de formación permanente dirixido a intérpretes noveis. No marco deste proxecto, ofrécese a posibilidade de asistir ao longo do ano a unha serie de clases maxistrais que imparten solistas de prestixio internacional. Ademais de alumnos/as da Escola, tamén poden asistir a estas sesións músicos/as externos ao centro.

A vindeira semana contarase coa presenza do recoñecido percusionista alacantino Gratiniano Murcia. Será o día 31 de maio, en horario de 11:00 a 15:00 horas. Os/as músicos/as que desexen participar nestas sesións poderán matricularse a través da páxina web da Escola: www.eaem.es. Os/as aspirantes deben estar cursando como mínimo os últimos cursos de grao medio de música.

Profesor de percusión na Escola Superior de Música de Catalunya
Gratiniano Murcia nace en Alacante en 1978. Estuda nos conservatorios de Murcia, Alacante e Ámsterdam, obtendo as máis altas cualificacións. Formouse con percusionistas e timbaleiros de recoñecemento internacional.

Foi membro da Orquesta de Jóvenes de la Región de Murcia, da Joven Orquesta Nacional de España, da European Union Youth Orchestra e da Orquesta Sinfónica de Alicante. Durante doce anos foi timbal solista da Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya. Ten colaborado coas orquestras máis importantes de España, ademais de agrupacións de Europa e Asia; xunto aos directores máis prestixiosos, entre eles o mestre Zubin Metha. Dende 2006 é timbaleiro convidado da Orquestra do Festival de Budapest. Na actualidade é timbal solista da Orquesta de la Comunidad Valenciana.

Durante estes anos ten realizado un labor docente moi relevante. Traballou no Centro Superior de Música do País Vasco e dende 2003 forma parte do equipo de profesores de percusión da Escola Superior de Música de Catalunya. Colabora con asiduidade como profesor convidado de diversas orquestras novas do país.

Compartir: