EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Comezan no Principal as funcións dos grupos de Primaria do XXIV Certame de Teatro Intercentros

20/05/2019 Este martes comezan no Teatro Principal as funcións dos grupos de Educación Primaria participantes no XXIV Certame de Teatro Intercentros. Máis de 300 escolares de Primaria, Secundaria e Bacharelato participan nesta edición do evento, organizado pola Concellaría de Educación e a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística.

As obras de Primaria comezarán co CEIP López Ferreiro e a obra Aínda non es sogra, a partir das 10:30 horas. Continuará a Aula de Quinto do Colexio de Roxos, ás 11:30 horas, con Mamasina, que medo! E fechará o Colexio Aspanaes Duques de Lugo ás 12:30 horas con Na procura da peza perdida.

O mércores 22 de maio, ás 10:30 h, poderase ver En todas as familias cocen fabas, do Colexio San Jorge. Xa ás 11:30 horas, o CEIP Raíña Fabiola achegará Entrevista no ceo, e pecharán este XXIV Certame Os Palimoquiñis do teatro afeccionado lucense, cunha fermosa representación de Os Miserables.

Certame Intercentros
Grazas a este Certame de Teatro Intercentros, escolares de Santiago e comarca teñen a oportunidade de amosar ao público o traballo teatral realizado ao longo do curso nos centros de ensino. Os preparativos do certame comezan ao principio do curso, no que se constitúen os grupos, se deciden as obras a interpretar, os vestiarios ou o decorado, e se ensaian as técnicas básicas da interpretación teatral. As representacións de grupos de Secundaria celebráranse do 29 de abril ao 3 de maio.

Compartir: