XUNTA DE GOBERNO

O Goberno acorda destinar fondos provinciais á reparación da Ponte de Vidán e á renovación da rúa Santa Teresa Jornet

16/05/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe a participación do Concello na primeira fase do POS+Adicional 2019 da Deputación da Coruña, con tres proxectos aos que se destinarán case 725.000 euros. A maior contía, preto de 450.000 euros, será para a reparación e consolidación da Ponte de Vidán de Abaixo. Ademais, acometerase a rexeneración e reforzo do pavimento da calzada da rúa Santa Teresa de Jornet, cun orzamento de 220.000 euros; e acondicionarase un parque infantil en Coto dos Olmos, cunha partida de case 57.000 euros.

O POS+ Adicional da Deputación da Coruña permitirá acometer a reparación da Ponte de Vidán de Abaixo "que presenta un importante deterioro que obrigou a restrinxir o paso exclusivamente a vehículos lixeiros". Poderase rehabilitar a estrutura, da que só se conservarán os seus elementos históricos. As partes de formigón armado construídas con posterioridade serán demolidas e reconstruídas, o que permitirá ampliar o ancho da ponte e o seu reforzo para soportar tanto o tráfico pesado como as posibles crecidas do río Sar. O proxecto tamén inclúe a execución dunha beirarrúa para o tránsito peonil, e a renovación da tubaxe de abastecemento de auga potable, e a reparación da fonte e do lavadoiro próximos á ponte. O custo total da actuación será de 450.000 euros.

Actuacións en Bando
As outras dúas actuacións incluídas no POS + Adicional aféctanlle á parroquia de Bando. Por unha banda, vanse investir case 220.000 euros na renovación da rúa Santa Teresa de Jornet, no tramo entre a N-634 e a residencia de maiores San Marcos. A actuación contempla a total demolición do viario actua e a súa reposición, así como a execución dunha cuneta revestida de formigón e máis unha senda peonil na marxe oeste da rúa. Ao tempo, instalarase a canalización de augas pluviais e soterrarase a liña eléctrica ao longo deste tramo.

Por último, destinarase un orzamento de 57.000 euros á instalación dun parque infantil en Coto dos Olmos, nas inmediacións do centro sociocultural de Bando. Ademais dos elementos de xogo, instalaranse novas luminarias, unha área de descanso e unha fonte de auga potable.

Convenio contra os incendios forestais
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobou a adhesión do Concello de Santiago ao convenio de cooperación entre a Xunta, SEAGA e a FEGAMP, para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nos montes e terreos forestais de cara a evitar os incendios. O acordo aféctalle especialmente aos terreos forestais que estean preto dos núcleos de poboación, e ten como obxectivo asegurar a retirada da biomasa con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas ou, no seu caso, pola vía da execución subsidiaria por parte das administracións públicas.

Por último, na reunión de hoxe deuse conta de dúas sentenzas relativas á liquidación do servizo de transporte urbano nos anos 2015 e 2012. Os dous fallos estiman parcialmente a demanda interposta por Autobuses Urbanos de Lugo SA e Trapsa, e obrigan ao Concello a recoñecer cadansúa obriga por importes de 136.000 e 126.000 coa UTE.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: