ALCALDÍA

O XXVI Congreso da SEMG deixará un investimento de tres millóns de euros en Santiago de Compostela

15/05/2019 Xa está todo listo para a celebración, entre o xoves 16 e o sábado 18 de maio, da XXVI edición do Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia, que reunirá en Santiago de Compostela a 2.522 profesionais de Atención Primaria. O Palacio de Congresos acolle este evento, a cita anual máis destacada da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia (SEMG) e un dos congresos de maior repercusión económica que ten acollido a cidade.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presentou este Congreso, do que destacou o seu "impacto na cidade, calculado en 3 millóns de euros", e que enmarcou nunha "aposta clara por intentar amparar na cidade eventos congresuais". Así, lembrou que "este ano, hai 20.000 prazas garantidas con diferentes congresos". Tamén aproveitou a ocasión, como médico de familia, para "reivindicar a profesión do médico xeral e de familia, e a importancia da Atención Primaria".

Xunto ao alcalde, ofreceron os detalles do evento o presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Antonio Fernández-Prol Ledesma; a presidenta do Comité organizador, Pilar Rodríguez Ledo; o presidente do Comité científico, Lorenzo Armenteros; e a xerente da SEMG e representante do Comité de Congresos, Mercedes Otero.

As cifras do XXVI Congreso Nacional de Medicina Xeral e de Familia mostran a relevancia do mesmo. Nel inscribíronse ata a data 2.522 profesionais pertencentes ao ámbito da Atención Primaria que, xunto aos que participan na organización e desenvolvemento do mesmo, supoñen preto de 3.000 persoas, que deixarán un investimento directo en Santiago de Compostela que a sociedade médica cifra en 2,6 millóns de euros, aos que hai que sumar o que deixarán as empresas colaboradoras, ata alcanzar os 3 millóns de euros en total.

Nesta cantidade inclúese, pro exemplo, o que a SEMG inviste en empresas locais para deseño e produción de estruturas necesarias para o Congreso, escenografía, cartelería, adaptación de espazos, mantemento, azafatas, servizos audiovisuais, etc.

290 euros por congresista ao día
A SEMG calculou que cada congresista deixará un investimento de 290 euros de media por día na cidade, cantidade que abarca o aloxamento, traslados individuais e outros gastos indirectos que realizará cada médico en actividades fóra do Congreso (hostalería e compras).

Durante os tres días do evento impartiranse no Palacio de Congresos de Santiago 186 relatorios, a cargo de 159 expertos diferentes, e exhibirase unha selección das 1.348 comunicacións aceptadas. En canto ás actividades formativas de carácter científico, programáronse ata 156, que supoñen un total de 219 horas de formación, entre as que se atopan numerosos talleres, aulas, mesas, foros de actualización e sesións que abarcarán temas de elevado interese para os médicos de Atención Primaria.

Actividades para a poboación
Un ano máis, de forma paralela ao Congreso, a Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia tamén organizou actividades de educación para a saúde destinadas á cidadanía. En concreto, no Colexio Manuel Peleteiro, membros dos Grupos de Traballo de Respiratorio e Urxencias da SEMG impartiron esta mañá a 100 alumnos/as unha actividade de formación na prevención do tabaquismo, chamada "Respira e aprende". Nela, os mozos e mozas puideron coñecer, mediante un xogo en formato trivial, todo o que implica para a saúde un hábito tan tóxico como fumar. Eses mesmos 100 alumnos/as participaron posteriormente nun curso de RCP básica, no que realizaron as manobras de reanimación con simuladores.

Compartir: